O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza desde hoxe ata o 15 de agosto a XXI Festa do Polbo, que se celebrará no aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns Urbano Lugrís e que ofrecerá a posibilidade de degustar máis dunha vintena de especialidades de este cefalópodo. A gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva na que colaboran moitísimos colectivos da vila.

Dende o Concello de Bueu botaron a andar a festa hai máis de vinte anos co obxectivo de reivindicar un produto tan tradicional como o polb; por iso é un evento gastronómico pero tamén de promoción e lúdico – festivo.

Os postos de O Rincón de Cela, Rosa de Los Vientos e Casa Acuña estarán abertos o sábado, domingo e luns de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas, e nese horario as persoas que o desexen poderán degustar as especialidades preparadas.

A inauguración oficial da festa será hoxe coa lectura do pregón a cargo de Fran Cañotas, xornalista e presentador da TVG, que actualmente está á fronte do programa da TVG “Quen anda aí?”. Previamente, ás 11.00 horas está programada a descuberta do polbo artístico feito e doado polo curso de talla de Bon e que se instalará na fachada da Praza de Abastos, e tamén a actuación con pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Retrouso. Ese día pola noite, ás 21.00 horas, a Charanga Barafunda animará a festa.

Mañá, o Club de Atletismo Corredoiras coordinará xogos populares ás 11.30 horas. Ás 12.00 horas, haberá ruada e un espectáculo cun Polbo Xigante, concretamente de 15 metros de longo e elaborado con globos biodegradables, que se poderá admirar polas rúas da vila.

O luns15, ás 12.00 horas, actuará a Charanga Noroeste, e xa pola tarde, a partir das 20.30 horas, desenvolveranse actividades infantís que contarán con persoal especializado en necesidades especiais, e nas que poderán participar nenos e nenas presentando os tíckets de compra da festa.

Tamén os tres días, as persoas que o desexen poderán degustar lambetadas elaboradas con millo corvo grazas á Asociación Cultural e Deportiva de Meiro, e poderase ver unha alfombra floral da man da Asociación Cunchas e Flores na rúa Johan Carballeira.

Receitas

A degustación comezará hoxe ás 12.30 horas e todas as variedades serán ofertados tamén mañá e luns de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00. As variedades terán un custe de 8 €e de 12 euros €, segundo a ración, e serán preparadas por tres establecementos: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña. Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 8 euros€, de empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 12 euros, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaen, polbo á galega e polbo á feira.

O Rincón de Cela presentará empanada de millo e trigo, croquetas de polbo, salpicón de polbo e salteado de setas con polbo, todas a 8 euros ; mentres que por 12 euros cociñarán polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, pizza de polbo, ensalada de polbo e tortilla de polbo; e Casa Acuña ofrecerá, por 8 euros, empanada de polbo de millo e trigo, coquetas de polbo, tosta de polbo con queixo tetilla, arroz de polbo e pizza de polbo; e por 12 euros, polbo á feira, polbo e Arzúa, polbo en caldeirada, polbo encebolado e salpicón de polbo.