Hípica, golf e un rastrexo nocturno foron as actividades estrela da primeira semana do programa municipal “Actividades de verán” que un ano máis o Concello de Soutomaior puxo en marcha en época estival. Foron un total de 180 rapaces de entre 3 e 13 anos os que participaron desta iniciativa que se desenvolveu ao longo de todo este mes de xullo. Divididos en cinco grupos segundo as idades, cada semana desfrutaron dunha programación diferente cunha morea de actividades en horario de mañá e de tarde.

Participantes nas actividades de verán en Hípica Amazonas. | // FDV

As actividades celebráronse no propio municipio e tamén fóra, facendo excursión e saídas pola contorna máis próxima como o Museo do Mar en Vigo, o Parque da Auga da Pesqueira en Mos e ao Parque dos Sentidos de Marín, entre outros. E incluso cruzaron a fronteira de Portugal para ir ao Parque Acuático de Fafe e ao Parque do Castelinho en Vilanova da Cerveira.

Inchables acuáticos no Peirao de Arcade. | // FDV

En plena vaga de calor houbo tempo para desfrutar de inchables acuáticos instalados no Peirao de Arcade, onde tamén se celebraron xogos e un espectáculo de cetrería. Tamén realizaron obradoiros de cociña, de maxia, de pintura e de percusión con reciclaxes e un scalextric.

Por outra banda, consciente da importancia de promover axudas ás familias para conciliar a vida familiar e laboral o Concello de Soutomaior puxo en marcha unha nova edición dos campamentos de conciliación para as para as datas de vacacións escolares no período estival. Nesta ocasión establecéronse tres quendas, unha a primeira quincena de xullo, outra a segunda (que rematou onte) e unha última a primeira semana de setembro, do día 1 ao 7, previo ao comezo do curso.

A iniciativa está pensada en horario de mañá, de 09.00 a 14.00 horas, ofrecendo para aquelas familias que o soliciten a posibilidade de aula de madrugada, de 08.00 a 09.00 horas, e tamén aula fiambreira, de 14.00 a 15.00 horas, de tal xeito que poidan xantar no campamento a comida que, previamente, teñen que traer cadaquén da súa casa.

Como novidade este ano o campamento dividiuse en semanas temáticas: a semana do arte, debuxo, pintura e artes escénicas; a semana da tecnoloxía; a semana da viaxe polo mundo; semana mariñeira e para finalizar a semana das emocións.

Un cento de crianzas de entre 3 e 12 anos participaron nestas dúas primeiras quendas nas que se intercalaron actividades lúdico, educativas, deportivas, xogos e obradoiros, sempre traballando baixo a perspectiva de xénero dun xeito dinámico e participativo.