O Pazo de Mos acolle hoxe, ás 21.30 horas, unha nova sesión do programa “Música no Ar” que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia.

O recital estará protagonizado polo dueto formado pola soprano lírica Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo. Xuntos interpretarán “Baladas e zarzuelas galegas: os nosos poemas sobre músicas únicas”, un concerto no que atoparán obras de poetas como Rosalía de Castro, Aureliano Pereira, Salvador Golpe, Manuel Curros Enriquez, Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo ou o trobador medieval Martín Códax.