O Concello de Salvaterra de Miño ten preparada para agosto unha ampla e variada programación cultural desde o luns, 1 de agosto, ata o domingo, 28 de agosto, con propostas de lecer practicamente diarias e pensando en tódalas idades.

A alcaldesa, na presentación do Verán Cultural.

Ao igual que nos veráns de antes da pandemia, Salvaterra volverá ser epicentro de grandes eventos culturais e musicais que atraerán visitantes de toda a comarca e de Portugal.

Desde o goberno local explican que as actividades e festas deste agosto veñen “con máis folgos que nunca grazas a saída da crise sanitaria, que tanto afectou ao longo destes últimos dous anos”.

A alcaldesa, Marta Valcárcel, recoñece que “se ben é certo que todavía cómpre ser prudentes e responsables coa COVID, tamén o é que os veciños, veciñas e os visitantes de Salvaterra agardan con ansia as festividades propias da temporada estival que tanto éxito teñen e que son seña de identidade do Concello Salvaterrense”.

No mes que comeza Salvaterra acollerá festivais consolidados como O Mundo a Dançar ou o Son da Muralla; este último impulsado desde o Concello como “o maior Festival DJ ao aire libre de Galicia”. Non será o único festival musical, Salvaterra volverá gozar da mellor música dos anos 60, 70 e 80 no Guateque.

A programación comezará o luns 1 de agosto con “O Mundo a Danzar”, grupos de música de distintas partes do mundo que exhibirán as súas danzas e ritmos no recinto amurallado.

O xoves, 4 de agosto, será o Festival de Bandas. O venres, 5 de agosto, celebrarase o Festival folclórico A.C Pontenova. O sábado, 6 de agosto, chegará ao recinto amurallado a gran festa DJ de Galicia, O Son da Muralla.

A diversión continuará o martes, 9 de agosto, con exhibicións de baile moderno. Salvaterra de Miño celebrará a Festividade de San Lourenzo o mércores, 10 de agosto.

Salvaterra tamén reservou noites de verán para gozar do cine. Nenas e nenos poderán ver unha película infantil o xoves 11 e o venres 12 de agosto.

O Guateque será o sábado, 13 de agosto. Os asistentes poderán ir vestidos caracterizados dos anos 60, 70 e 80 para transportarse a aquela época e bailar sen parar.

Para o mércores, 17 de agosto, Salvaterra programou unha festa da escuma con inchables para os nenos e nenas.

O xoves, 18 de agosto, será o concerto de Pakolas, dirixidos a nenas e nenos pero co que tamén o pasará ben todo o público con música en galego.

O venres 19 de agosto será o momento do espectáculo Galicia Ilusiona.

A semana seguinte comezará centrada nos viños da subzona Condado do Tea, da Denominación de Orixe Rías Baixas. Haberá catas comentadas do 22 ao 26 agosto.

Os asistentes poderán achegarse ao túnel do viño os días 25, 26 e 27 de agosto.

Festa do Viño

Como broche de ouro para por fin á programación festiva de Salvaterra, a fin de semana dos días 26,27 e 28 celebrarase a LXIII Festa do Viño do Condado do Tea.

A apertura da festa será xa o venres, 26 de agosto, coa inauguración dos concertos de “Voces do Arrieiro”, “Quinkallada” e “Os Vacalouras”.

O sábado, 27 de agosto, serán os concertos de “Xisco Feijóo” e “Lucía Pérez”.

A Festa do Viño do Condado do Tea rematará o domingo, 28 de agosto, cos concertos de “Almudena Lamora e Adrián Pérez” e “Amnesia”.