Volve en todo o seu esplendor o Festival de Artistas de Rúa de Redondela. Pese a pandemia da COVID, e sempre baixo as restricións sanitarias que rexían en cada momento, esta cita anual, que neste 2022 cumpre xa a súa vixésimo terceira edición, nunha deixou de celebrarse. Se o ano pasado recuperaba o seu formato tradicional de dúas xornadas, pois en 2020 limitouse a unha, agora volven tamén os espectáculos fixos, ademais dos itinerantes cos tradicionais pasarrúas.

Un total de dez actuacións doutras tantas compañías poderanse ver os vindeiros venres e sábado, 5 e 6 de agosto, a partir das 19.30 horas.

O acto inaugural correrá a cargo de Fantoches Baj que desfilará dende a Praza de Ribadavia polo casco urbano co seu espectáculo “Agamelón, Chulises e o Velocíclope”, no que un xigante, Agamelón, e un cabezón motorizado, o Velocíclope xogan, mentres que a personaxe clownesca de Chulises fai de ponte entre un e outro squetch ao tempo que con bombo, prato e turuta vai animando musicalmente as situacións.

Acrobacias na Alameda Castelao. FDV

Para esa mesma xornada están programadas tres espectáculos circenses. Fran Boza amosará os seus malabares ás 20.15 horas na Praza da Constitución; Mirroska e Juanito, dos dous clowns de Asacocirco, actuarán ás 21.00 horas na Alameda de Castelao, onde a continuación o fará a compañía Maintomano que presenta “Ekilibuá”, unha fusión de teatralidade cos portes acrobáticos, o lanzamento de coitelos, os equilibrios, a manipulación de obxectos e moita complicidade. Na Pista da Xunqueira, ás 22.30 horas, un showman e un Seat 600 protagonizarán o espectáculo circense “Carman”, e para rematar o día música con Jarabe de Pau, unha banda homenaxe da Jarabe de Palo que ofrece un show musical lembrando con moito agarimo as mellores cancións de Pau Donés.

Arte xabonosa

O show de Fifo de Troula Animación abrirá a programación do sábado, ás 19.30 horas, na Praza da Constitución. Continuará un espectáculo de dous atletas con moito humor e acrobacias na Alameda de Castelao a cargo de Circo Chosco e de seguido, o espectáculo itinerante “Aquiles”, con saída dende a Praza de Ribadavia, para rematar, na Praza da Torre, ás 22.30 horas, cun número de pompas de xabón a cargo de David Vega.

PROGRAMACIÓN

Venres 5 de agosto

Agamelón, Chulises e o Velocíclople. Fantoches Baj. 19.30 h pasarrúas

Fran Boza. 20.15 h Praza da Constitución

Asacocirco Show. 21.00 h Alameda de Castelao

Ekilibuá Maintomano. 21.45 h Alameda de Castelao

Carman Javier Ariza. 22.30 h Pista da Xunqueira

Jarabe de Pau. Tributo a Jarabe de Palo. 23.30 h Praza da Torre

Sábado 6 de agosto

O show de Fifo “Soño”. Troula Animación. 19.30 h Praza da Constitución

Forzu2 con aéreos. Circo Chosco. 20.30 h Alameda de Castelao

Aquiles. La Fam Teatre. 21.30 h pasarrúas

Magic Bubble Bubble Factory. 22.30 h na Praza da Torre