Carlos Núñez volve a deixar pequeno o miradoiro de Monteferro. O Concello de Nigrán repetirá a cita “do mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo” o 6 de agosto ao mediodía ao terse esgotado as entradas para o día 5 coincidindo co solpor. Este segundo concerto, que forma parte da programación estival do Concello de Nigrán e que conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, será o 6 de agosto ás 11.00 horas e está enmarcado na xira ‘Lugares Máxicos’.

As entradas están á venda a través de Ataquilla cun prezo único de 22 euros.

Tal e como arrancaron no 2020 os concertos de Carlos Núñez neste enclave, o obxectivo é enfeitizar aos asistentes grazas á especial sinerxía coa natureza e o momento do solpor.

Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade.