O tiro de salvas ou tres bombas de palenque previsto para ás 11.00 horas anunciará o inicio das xornadas festivas en Baiona. A vila mariñeira celebra a vindeira semana as súas festas patronais en honra á Virxe da Anunciada, patroa dos mariñeiros da localidade.

Pasarrúas de xigantes e cabezudos en Baiona.

Co fin das restricións derivadas da pandemia da COVID que rexeron os dous últimos anos, neste 2022 volve a tradicional procesión polas rúas do centro histórico e tamén as actuacións da Danza das Espadas e da Banda de Música de Belesar.

Aínda que Baiona ten programado un verán cheo de actividades culturais, as propias das Festas da Anunciada comezan o venres 5 de agosto, prolongándose ata o luns 8, día no que se oficiará a misa de San Telmo polo mariñeiros falecidos, na Igrexa de Santa María ás 11.00 horas.

Abraham Mateo dará o pistoletazo de saída aos concertos da Anunciada. Será o día 5, ás 23.30 horas no Parque da Palma, onde previamente hberá unha sesión de música dj. Antes, ás 20.30 horas, a Alameda da Carabela Pinta será o punto de saída do pasarrúas “Mundo Circense” a cargo de Festa Escénica.

Xa na xornada do sábado os tradicionais xigantes e cabezudos, acompañados da música da Asociación Cultural A Seneira de Baiona, tomarán as rúas da vila polas que desfilarán a partir das 11.30 horas, coa Praza do Concello como punto de partida. Á noitiña, a partir das 20.00 horas, terá lugar a misa solemne cantada polo Coro de Homes Voces Baionesas e acto seguido, procesión acompañada pola Agrupación Musical de Belesar, coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata. O rock será o protagonista dos concertos desta xornada, ás 22.30 horas actuará a banda Atraco, e trala gran tirada de fogos de luces a medianoite, ás 00.30 horas dará comezo Burning, ambos no Parque da Palma.

Danza das Espadas

O domingo día 7, ás 11.30 horas, haberá un novo desfile de xigantes e cabezudos, nesta ocasión acompañados pola charanga Nova Cubana , polas rúas e prazas do casco antigo baionés. Doutra banda, ao mediodía terá lugar o pasarrúas a cargo da Asociación Folclórica Vila de Baiona e da Asociación Cultural A Seneira ata o Parque da Palma, onde ás 13.00 horas actuarán cada un dos grupos. A continuación, levarase a cabo a actuación da tradicional Danza das Espadas de Baiona e a entrega da Placa Homenaxe a un compoñente da agrupación.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, o porto pesqueiro de Baiona acollerá o concurso das tradicionais Cucañas Marítimas, para o cal está aberta a inscrición, na Concellería de Cultura, ata o vindeiro mércores día 3.

E co solpor volven as grandes actuacións ao Parque da Palma. Ás 19.00 horas terá lugar o espectáculo familiar “Los Gabytos”, o único tributo oficial a Gaby, Fofó e Miliki os aclamados “pallasos da tele”. E como broche final, ás 22.00 horas, tralo éxito na Gran Vía de Madrid, chega a Baiona o musical tributo ao rei do pop, “Michael Legend”.