Salvaterra de Miño conta cunha nova área de lecer e atractivo turístico. Trátase do Espazo Lúdico Termal de Teáns, o primeiro recoñecido como tal en Galicia, que xa ten abertas as súas portas ao público de mércores a domingo, pechando luns e martes por labores de mantemento.

Abaixo, autoridades na xornada inaugural. | // A. G.

As instalacións, “modernas, atractivas e funcionais”, segundo indican dende o Concello, sitúanse á beira do río Miño, co fondo das muralla de Monçao. “Un enclave único que nos leva a relaxación e a calma”, subliñan, que conta con máis de 22.000 metros cadrados entre aparcamento, área recreativa e as propias termas, onde de localizan os tres vasos de auga quente, con temperaturas que van dende os 42 e os 44 graos centígrados, que proveñen dunha vena a máis de 250 metros de profundidade, e, xunto a estes, un vaso de auga fría.

O complexo, que conta cunha capacidade superior ás 250 persoas, xa abrira de xeito experimental antes da pandemia, motivo polo cal tivo que pechar e durante a mesma completáronse os traballos de actuación inaugurándose oficialmente este mes de xullo polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda e a alcaldesa Marta Valcárcel.

As instalacións estarán abertas ao público ao longo de todo o ano, de mércores a domingo, con horario de mañá e de tarde, de 09.00 a 12.00 e de 19.00 a 23.00 horas no verán e de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 21.00 horas no inverno. O prezo da entrada é de 4 euros, 2 euros para os residentes na Eurocidade Salvaterra-Monçao, existindo tamén a posibilidade de adquirir un abono de 10 baños por 30 euros.

Etas de Teáns, situadas na parroquia de Oleiros, moi preto e conectadas co centro urbano, están consideradas as termas ao aire libre más grandes de toda Galicia. As súas augas medicinais resultan útiles en procesos respiratorios e dermatolóxicos, así como para combater enfermidades dixestivas. Así, as augas que alí brotan clasifícanse como cloruadas, útiles para as enfermidades respiratorias e para a rexeneración cutánea, antiinflamatorias e antisépticas, estimulan a secreción; sulfatadas, indicadas para as dispepsias dixestivas e discinesias biliares; bicarbonatadas, útiles en dispepsias e hiperclorhidrias; carbogaseosas, útiles para a secreción gástrica e tratamento das ateriopatías obliterantes; sulfuradas, útiles en procesos reumáticos, dermatolóxicos, ORL e respiratorios crónicos; sulfatadas; ferruginosas; radioactivas, teñen efectos sedantes, analxésicos e descontracturante e augas oligometálicas, empregadas para a diurese e para o tratamento de litiasis renais úricas.

Normas

O emprego desta instalacións está limitado a maiores de 10 anos, e as persoas de entre 10 e 15 anos deberán ademais ir acompañadas dun adulto. Entre as normas a cumprir para o seu uso están non comer nin beber, tampouco fumar; non introducir animais domésticos, patíns ou bicicletas nin tampouco flotadores ou pelotas, pois tampouco se pode correr, saltar ou salpicar nin adoptar outro comportamento que moleste ás persoas usuarias, lembran nese sentido que se trata dun lugar de relaxación e calma. Tamén está prohibido nadar ou mergullarse, nin usar aparellos de música, teléfono ou cámara de fotos na zona de baño.

No que respecta aos consellos para o baño, recoméndase non usar as instalacións a aquelas persoas con doenzas cardíacas, osixenoterapia continua ou con insuficiencia venosa, en grado moderado ou severo, a embarazadas e a persoas con feridas abertas, ostomias ou cueiros. En todo caso recoméndase consultar ao médico antes de facer uso destas instalacións.

Toda a información ao respecto deste novo espazo lúdico termal recóllese na páxina web turismo.concellodesalvaterra.org/termas.