Un ano máis, pensando en facilitar a conciliación laboral e familiar da veciñanza, o Concello de Mos organiza o campamento infantil municipal “Mañás de Verán”. Neste 2022 programáronse un total de seis quenda, a última semana de xuño e a primeira de setembro, e as primeiras e segundas quincenas de xullo e agosto, coincidindo co calendario de vacacións escolares.

Un total de 95 nenos de 3 e 12 anos están a participar desta iniciativa didáctica e de lecer que se desenvolve nas instalacións do CEIP Mestre Martínez Alonso en horario de 09.00 a 14.30 horas, dando opción dos servizos de aula madruga, comezando así ás 08.00 horas, e tamén de fiambreira, alongando ata ás 15.30 horas.

Entre as actividades diarias, a semana pasada puideron desfrutar da actuación do Mago Marco e esta participaron do obradoiro de alimentación saudable “Ti si que es un bo peixe”, un programa creado pola Consellería do Mar co dobre obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos frescos do mar de Galicia entre a cativada da nosa Comunidade e de incidir e equilibrar as súas dietas alimentarias coa presenza de peixes e mariscos.

Para aquelas persoas que estean interesadas, dende o Concello informan que aínda quedan prazas libres para o mes de agosto. As inscricións poden realizarse de xeito presencial no rexistro ou por sede electrónica. Para máis información poden chamar ao número de teléfono 986 339 404.