Baiverán

Baiona programa máis de 70 actos na súa axenda cultural de verán

Concertos e unha feira de antigüidades para celebrar hoxe e mañá a festividade do Carme

Actuación de Quico Cadaval na Praza do Concello.        | // FDV

Actuación de Quico Cadaval na Praza do Concello. | // FDV / l. costas

[Baiona]

O Baiverán retorna á Praza do Concello e aos Xardíns da Navegación, “algo que nos estaban pedindo os veciños, dinamizando desta maneira o casco antigo baionés, apoiando o sector cultural local e dinamizando o pobo, nun municipio turístico como o noso, un dos máis importantes das Rías Baixas Galegas e sen dúbida destino turístico de miles de visitantes”, sinalaba a concelleira de Cultura de Baiona, Miriam Mar Costas durante o acto de presentación da axenda cultural de verán. “Teremos artistas locais, nacionais e de fama internacional. Espectáculos para tódolos gustos, estilos e formatos, cos que quixemos chegar a todo tipo de público”, subliñou.

Monólogos, exposicións, festivais, cine, roteiros, teatro e moita música serán os ingredientes do Baiverán 2022 no que se inclúe as festas patronais da Anunciada, que se celebrarán a primeira fin de semana de agosto, coas actuacións estelares de Abraham Mateo, Atraco, Burning, o concerto tributo a Michael Jackson e pensando nos máis pequenos da casa, o espectáculo Los Gabytos, único tributo oficial a Gaby, Fofó y Miliki, “los payasos de la tele”.

Día de Galicia

Como xa levan facendo dende fai tres verán, na antesala da celebración do Día de Galicia, dende o Concello apostan por marcar esa data e programan para o venres 22 un concerto de Mercedes Peón. Rubén de Lis ofrecerá o día antes (mércores 21) o concerto “Vota a Galicia en 6 cordas” e a música continuará o sábado 23 da man de Abóbriga, o domingo 24 actuación da Asociación Folclórica Vila de Baiona e o propio día 25 farao o grupo de integración Ardelume de Baiña.

Non haberá que esperar á seguinte fin de semana para desfrutar da festa, o vindeiro mércores, día 20, celébrase Santa Liberata e dende onte a Virxe do Carme. Hoxe haberá sesión de música dj na Praza do Concello de 18.00 a 22.00 horas, con Dumore, dj Jose e dj Jordi, e mañá no mesmo lugar, ás 21.30 horas concerto de La Patrulla. Tamén ao longo da xornada dominical celebrarase unha feira de antigüidades e coleccionismo no Parque da Palma.

Familiar

Este ano decidiuse programar espectáculos infantís para antes da sesión de cinema na Praza do Concello, programada para as 23.00 horas, e así facer a espera máis levadeira. Así, por exemplo o vindeiro martes a compañía Sempre Arriba presenta “C’est pas posible” e logo proxectarase o filme “Raya y el último dragón”.

O cine na rúa comezou o pasado martes en Baredo e as sesións intercálanse semanalmente entre as parroquias e a Praza do Concello. Cando a película é nas parroquias, na Praza do Concello haberá actuación das escolas de baile local. Así o martes 26, actuará o grupo de baile Dando la Nota na Praza do Concello e poderase ver o filme “Los Croods 2, una nueva aventura” na Praza Victoria Cadaval de Sabarís.

Tracking Pixel Contents