O Concello de Salvaterra de Miño ultima os preparativos para o seu mes máis festivo do ano. A Festa do Viño do Condado do Tea e tres festivais de música (O Mundo a Danzar, O Son da Muralla e a Festa dos anos 60) celébranse en agosto e para elo o Concello publicou un prego de condicións para rexer no procedemento de licitación para a autorización de instalación de postos de comida e bebida dentro do recinto amurallado nos días de cada un destes eventos, e cuxo prazo para presentar ofertas permanece aberto ata o vindeiro martes, 5 de xullo. Segundo se recolle nas cláusulas administrativas, as solicitudes deben presentarse no Rexistro de Licitacións (Secretaría Xeral) do Concello de Salvaterra de Miño en man, de luns a venres das 09.00 ás 13.00 horas, durante os 15 días naturais seguintes ó da publicación do anuncio no Perfil do Contratante (a (www.contratosdegalicia.gal) que foi o pasado 20 de xuño.

Os postos que se sacan a concurso son o de bar no caso de tódolos eventos a celebrar en agosto e logo, a maiores, para a Festa do Viño do Condado do Tea, que tamén terá lugar en agosto, do 26 ao 28, ofértanse postos de embutidos, marisco, asados (porco e churrasco), polbo, filloas, cortador de xamón, tapería, produtos gourmet, pizzas e un de sobremesas, cafés e infusión. No caso da Festa do Viño Espumoso, programada para os días 3 e 4 de decembro, haberá postos de embutidos, marisco, filloas, xamón, chocolate e café, sobremesas, produtos gourmet e tapería.

Todas as persoas interesadas poder consultar a documentación en liña, na sede electrónica do Concello, a través da web municipal e na ligazón https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion.