O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo foi destronado onte por parte do rei castrexo Breogán, a quen lle entregou as chaves do Concello para que tome as rendas da vila ata a medianoite de mañá domingo, cando se clausure Porrigalia.

Porriño celebra os seus particulares Xogos Olímpicos cunha morea de actividades, con rúas e locais engalanados e co público caracterizado de exipcios, gregos, romanos, galos e castrexos.

Un gran desfile encabezado pola garda pretoriana e protagonizado polas anpas e asociacións culturais do municipio, xunto co acendido da chama olímpica abrían onte esta festa, que tras varios anos de parón, regresa na súa sexta edición cun programa extenso e variado e moitas sorpresas.

Porque Porrigalia vai moito máis alá duns xogos olímpicos, xuntando o deporte con música, actividades infantís, gastronomía e espectáculos para todos os públicos. “Se había unha celebración que creo merece a pena recuperar esa é Porrigalia, e así mo facía saber a veciñanza”, afirma o alcalde. “Porque non só é festa, deporte e convivencia, senón tamén un verdadeiro revulsivo para a hostalería e o comercio local. Son días de divertirse, compartir e dinamizar a vila”. Lorenzo agradece a implicación do tecido asociativo, hostaleiros, clubs deportivos e anpas que se implicaron nesta festa. “Sen eles non sería posible, Porrigalia é unha festa de todos e para todos”.

Pregón de Maxi

A xornada de hoxe comezará cun novo desfile olímpico que rematará cunha recepción do rei Breogán (interpretado polo actor Pepo Suevos) ao país da Galia coa presenza de Astérix, Obélix e o rei das Pócimas Panorámix, ao emperador romano César, a emperatriz exipcia Cleopatra e ao rei grego Agamenón. A continuación terá lugar a lectura do pregón a cargo do porriñés Maxi tralo cal se celebrará un gran xantar nas tabernas.

Un dos eixos principais desta festa son os particulares xogos olímpicos nos que todo o mundo pode participar. Esta tarde serán as olimpíadas técnicas, a cargo de diversos clubs deportivos que farán exhibición de loita, salto de altura e lonxitude, obradoiro de aprendizaxe de técnica de carreira, salto e lanzamentos. De xeito paralelo, celebraranse tamén obradoiros de máscaras gregas e romanas, campamento romano, noria de madeira romana, escola de gladiadores, xadrez xigante, pasarrúas das charangas, pelexa etrusca e oficios de época, que se repetirán mañán.

As probas olímpicas para as cales é preciso inscribirse terán lugar mañá pola mañá, poderase competir en loita, carreira de 100 metros, carreiras de 4x100 metros, salto de lonxitude, salto de altura e lanzamento de peso. E tamén abertos a toda aquela persoa que desexe participar, pola tarde, haberá concurso de soga e outros xogos populares. Mostra espectáculo de cabalos, camelos e dromedarios é outro dos atractivos da xornada dominical.

As olimpíadas do Porriño teñen banda sonora propia. Así non faltará a música ao longo de toda a fin de semana con concertos e pasarrúas. Hoxe actuarán os gaiteiros Lumeirada do Porrriño e, de madrugada, logo da gran queimada a cargo do rei Panoramix, tocarán Os Coribantes de Buchabade, A Banda da Loba e os dj’s Javi Reina, Traffic House e Samu Pexe. Mañá chegará o broche de ouro, preto xa da medianoite, co espectáculo de lume Errantes a cargo de Troula e o seu lume, que serán os encargados de devolver o bastón de mando ao alcalde do Porriño.

Hoxe sábado

Gran desfle olímpico ás 12:00 horas dende o Templete da Rede de San Luis ata a praza Arquitecto Antonio Palacios.

Recepción polo rei Breogán.

Pregón a cargo de Maxi.

Xantar nas tabernas ás 14.00h.

Espectáculos Rastafarudi e Cantares de Cego ás 18.00 horas polas rúas da vila

Olimpíadas técnicas ás 19.00 horas na rúa Domingo Bueno. Exhibicións de loita, salto de altura e lonxitude, obradoiro de aprendizaxe de técnica de carreira, salto, lanzamentos…

Animación de rúa ás 19.00 horas polas rúas da vila.

Cea castrexa ás 21.00 horas praza Antonio Palacios.

Asociación Gaiteiros Lumeirada do Porriño ás 21.00 horas San Bieito.

Gran queimada ás 00.00 horas praza Antonio Palacios.

Concertos: Os Coribantes de Buchabade, A Banda da Loba e os dj’s Javi Reina, Traffic House e Samu Pexe queimada praza Antonio Palacios e rúa Domingo Bueno.

Mañá domingo

Probas olímpicas ás 10.00 horas na rúa Domingo Bueno. Loita, carreiras de 100 m., carreiras de 4×100 m., salto de lonxitude, salto de altura e lanzamento de peso.

Mostra de cabalos de 11.30 a 13.30 horas na rúa Domingo Bueno. Espectáculo da escola de equitación «El Centauro», de Valladolid.

Mostra de camelos e dromedarios de 16.00 a 18.00 horas na rúa Domingo Bueno. Espectáculo da escola de equitación «El Centauro», de Valladolid.

Animación de rúa ás 19.00 horas polas rúas da vila.

Xogos populares ás 19.00 horas polas rúas da vila.

Espectáculo Errantes ás 23.00 horas polas rúas da vila.