A vila do Corpus por excelencia recupera, logo de dous anos atípicos, a celebración das tradicionais alfombras florais, unha festa declarada de interese turístico internacional con 165 anos de historia que atrae a milleiros de persoas a Ponteareas.

Xa fai días, incluso semanas que as rúas da localidade recenden ás flores e plantas empregadas para a creación destes tapices. Un cheiro que sae dos portais nos que adultos e tamén nenos traballan arreo para que todo estea preparado para a procesión de mañá. Cos materiais e os deseños listos, xa só resta a confección das alfombras, que dará comezo esta mesma tarde, a partir das 18.00 horas. E para facer máis amenas todas estas horas de traballo sobre o asfalto e pedra, dende ás 22.30 horas está programada animación musical en diversos puntos da vila.

Serán un total de 26 tapices, entre as cales se inclúe o Cruceiro de San Gregorio, na rúa dos Ferreiros, que cubrirán máis de quilómetro e medio de rúas e prazas do casco urbano ponteareán. Delas, sete son alfombras convidadas: a da Orotava na Praza Bugallal; as de Aguaviva (Teruel), Ascam e Adapta na Praza Maior; Sogaps na rúa dos Ferreiros; Monçao en Doutor Fernández Vega e Infiorata Arxentina en Reveriano Soutullo. Este ano como novidade, o Concello pon en marcha xunto coa Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas a ‘Beirarrúa aromática’, unha iniciativa na que os recendos das alfombras serán os protagonistas e servirán para que as persoas con discapacidade visual poidan orientarse e localizar cada un dos tramos a través do olfacto. Deste xeito, poderán identificar a Praza de Bugallal co recendo a pino, a rúa Oriente co olor a rosas, a Praza Maior co de árnica, o da rúa Ferreiros co do fiúncho, a rúa Fernández Vega co de romeu ou xasmín, a Reveriano Soutullo coa lavanda ou a Avenida da Constitución co eucalipto

Mañá domingo será o gran día. A xornada dará comezo ás 10.30 horas cun concerto da Agrupación Musical Nosa Señora do Carme. Oficiarase a santa misa ás 08.30 e ás 10.00 horas e ás 11.30 horas será a misa solemne cantada pola Coral do Centro Artístico Sportivo, trala cal, ás 12.30 horas, sairá a procesión do Corpus Christi acompañada pola Agrupación Musical Nosa Señora do Carme, facendo paradas nos altares coas intervencións musicais da Coral Centro Artístico Sportivo, Os Zoqueiros, Chantal Meling e Aldara Montero, Gabriel Cracium, Aida Ubeira, Alba Cracium e Iria Lorenzo.

A explosión de color e aromas volverá pola tarde, a partir das 19.00 horas, no desfile de carrozas e batalla de flores. E a música será a protagonista da noite co concerto de Leilía ás 21.30 horas na Praza Bugallal e a verbena a cargo da orquestra Saudade na Praza Maior, ás 22.00 horas.

O luns 20, festivo local, haberá instalado ao longo de todo o día un tobogán acuático xigante para desfrute de grandes e pequenos; será na rúa Braña e estará operativo dende ás 12.00 e ata as 20.00 horas. Pola tarde, ás 17.00 horas, haberá animación infantil no centro urbano; ás 20.00 horas terá lugar a ofrenda floral in memoriam aos alfombristas, no monumento ao alfombrismo, e ás 21.00 horas acto de entrega de medallas do Corpus Christi, no Parque da Feira Vella; de xeito paralelo haberá animación musical polas rúas do casco urbano e ás 22.30 horas dará comezo a verbena a cargo da orquestra Tango na Praza Maior.

Exposición

As Meninas e os materiais empregados habitualmente na confección das alfombras do Corpus Christi de Ponteareas son os grandes protagonistas da nova exposición do vestíbulo do auditorio municipal, unha mostra que reúne unha pequena representación dalgúns dos elementos esenciais da festa grande da vila.

Ata o vindeiro luns, 20 de xuño, os visitantes poden achegarse ao auditorio para coñecer coa exposición ‘Corpus en flor’ algún dos materiais empregados na creación deste tapices, como poden ser a hortensia, o pampullo seco, a carriza branca, o fiúncho, a tuia, a mimosa ou os carapuchos de landra, entre moitos outros. Cada unha das mostras conta cun cartel informativo co nome da planta en galego, español e portugués para facilitar o seu coñecemento a todas as persoas participantes.

Ademais, na mostra as e os visitantes poderán gozar de grandes lonas con imaxes antigas das alfombras do Corpus Christi de Ponteareas e coa exposición de 29 novas Meninas de madeira a tamaño natural decoradas polo alumnado dos centros educativos ponteareáns.