O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño dá o salto ao país veciño na súa promoción. Autoridades galegas e lusas mantiveron un encontro no WOW Porto de Vila Nova de Gaia con influencers e representantes de axencias de viaxe e empresas do sector para presentar o territorio “nunha rexión que levan toda a vida visitándonos e sentíndose como na súa casa, como nós nos sentimos aquí. Somos punto de encontro, mestura e intercambio cando as fronteiras eran máis evidentes e hoxe somos un espazo de colaboración, de iniciativas comúns e aprendizaxe mutuo. E as eurocidades son un bo exemplo diso”, salientou Sandra González, presidenta da AD Galicia Suroeste Eurural.

Un espazo común no que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quere dar a coñecer de forma máis profunda a súa paisaxe, a súa enogastronomía ou os seus tramos do Camiño de Santiago. “Xuntos conformamos un destino turístico único co norte de Portugal, e así debemos trasladalo. Animo a todas e todos os profesionais do turismo a que afondedes nesa colaboración, que creedes unha oferta conxunta para o turismo externo e que estimuledes aínda máis ese turismo de curtas estancias”, recalcou a presidenta durante o acto.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, resaltou “a importancia de dar a coñecer o atractivo turístico destes 14 concellos do sur de Galicia aínda máis no noso país veciño”. “Un país no que os lusos séntense como na casa”, sinalou Inácio Ribeiro, vicepresidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, que fixo fincapé na intensa relación histórica entre Galicia e Portugal, tamén a nivel turístico.

Pola súa banda, Juan González, representante institucional do Xeodestinoe alcalde de Nigrán, promoveu a organización de máis encontros como o celebrado no WOW Porto para intercambiar ideas e atopar espazos de colaboración entre autoridades e empresas do sector turístico. “Temos moito en común e moito que ofrecer conxuntamente. Iso representa una oportunidade que xa estamos a aproveitar, pero na que aínda queda moito camiño por percorrer”, asegurou.

No encontro participaron tamén os alcaldes e alcaldesas de Baiona (Carlos Gómez), Gondomar (Paco Ferreira), Mos (Nidia Arévalo), Porriño (Alejandro Lorenzo), O Rosal (Ánxela Fernández) e Soutomaior (Agustín Reguera); a tenente de alcaldesa de Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira; concelleiros e concelleiras de Gondomar (Rocío Goberna), Nigrán (Cristina Dosil), Porriño (Rosario Costas), Redondela (María Castro), Soutomaior (Cristina González) e Tui (Ana Núñez); responsables das cámaras municipais de Valença, Ponte de Lima, Vila do Conde e Gondomar; Carlos López Font, deputado provincial da Deputación de Pontevedra e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.