“Repitamos o reto, o mar non é un vertedoiro”. Baixo esta premisa o Concello de Nigrán lanza de novo o desafío #SanXoanSenLixo2022 motivado polo éxito acadado no 2019, último ano que houbo fogueiras en Praia América-Panxón. O obxectivo é que sexa viral outra vez e que o areal volva a amencer completamente limpo grazas ao civismo dos participantes.

O cantante Serafín Zubiri. | // FDV

O Concello de Nigrán, consciente da enorme cantidade de desperdicios que se xeran esa noite, especialmente vidro e plástico, fai un chamamento á responsabilidade de cada un para que non se contamine a area nin chegue ao mar. “Queremos repetir o éxito de 2019 no que por vez primeira Praia América amencía limpa. Os servizos de limpeza do Concello van acudir coma sempre, pero do que se trata é de que os participantes tomen conciencia, non debemos esperar a que ninguén recolla o lixo por nos”, insiste o alcalde Juan González.

Esta campaña de concienciación medioambiental foi presentada a pasada semana no areal de Panxón coa presencia do alcalde e concelleiros, representantes das concesionarias Aqualia e Cespa, e como ‘padriños’ o futbolista nigranés da U.D Ibiza, Miki Villar; Pedro Novalbos, da Asociación de Escuelas de Surf de Patos; Juan Díaz, presidente da ED Val Miñor Nigrán, e outros particulares. Persoas recoñecidas como a deportista Desi Vila, o cantante Serafín Zubiri ou o adestrador do F.C. Barcelona feminino, Jonatan Giráldez, apadriñan tamén a campaña participando no reto consistente en subir unha fotografía ou vídeo as súas redes sociais cun cartel baixo a etiqueta #SanXoanSenLixo2022

Brigadas medioambientais

O Concello de Nigrán repetirá a organización de 2019 instalando illas de reciclaxe a pé de praia e creará unha brigada medioambiental formada por voluntarios que creen conciencia durante a noite (en quendas dunha hora a partir das 21.30) invitando aos asistentes a facer a recollida selectiva e informando da localización dos contedores.

Os participantes nesta brigada serán agasallados cun bautismo de surf gratuíto durante o Patos Surfing Day (o 26 de xuño) grazas ás escolas de surf de Patos.

Os interesados poden anotarse a través dun formulario web en www.nigran.es. “Trátase dunha iniciativa que funcionou moi ben no 2019, con moi boa acollida entre a mocidade presente na praia, e que consideramos moi importante para que o reto se faga realidade, por iso animamos á xente a que doe unha hora do seu tempo a este cometido”, indican.

Concello de Nigrán editou tamén carteleira ao respecto na que se incide en 5 premisas básicas: Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus.

“Cremos que a xente, especialmente a mocidade, está cada vez máis comprometida co medio ambiente e sabe que isto inclúe tamén aos océanos, en Nigrán apelamos a esa conciencia medioambiental e non recorremos á prohibición. A festa é compatible con estes principios, Praia América é un tesouro natural e é responsabilidade de todos preservala”, insistiu o alcalde.