Polbo á feira, croquetas, empanada de millo e trigo, polbo con arroz e outras máis preparacións destes cefalópodos das nosas rías será o que se poida degustar os días 13, 14 e 15 de agosto nos Xardíns de Urbano Lugrís.

Volve a Festa do Polbo a Bueu os días 13, 14 e 15 de agosto

O Concello de Bueu xa ten data para celebrar a XXI Festa do Polbo, un evento que se recupera tras dous anos de ausencia pola pandemia e que terá lugar na zona das Lagoas. Así se acordou nas reunións convocadas por Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo, e os representantes da hostalaría participante no evento, os cales irán desvelando nas próximas semanas as diferentes preparacións que se ofrezan deste produto, ao igual que tamén se irá coñecendo toda a programación asociada á festa.

Volve a Festa do Polbo a Bueu os días 13, 14 e 15 de agosto

Dende o Concello sinalan que o evento deste ano terá que enfrontarse a unha suba dos prezos das especialidades, que se incrementarán dous euros. Así, as racións máis pequenas pasarán de 6 a 8 euros, e as máis grandes, de 10 a 12 euros. “Queremos manter os prezos populares, pero non podemos obviar que nestes dous anos se encareceron os produtos”, salienta a edil.

Volve a Festa do Polbo a Bueu os días 13, 14 e 15 de agosto

A partir de agora, dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, traballarase na organización deste evento que pon en valor o Polbo das Rías, e que contará coas habituais especialidades gastronómicas e con actividades culturais e de promoción destes moluscos mariños, que se irán anunciando nos próximos meses.

Tinto Femia

Unha das novidades desta edición é que á carta dos viños habituais unirase a Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo, “o que supón valorizar unha marca na que se inclúe o noso Tinta Femia”, apuntaba Silvia Carballo.

A festa do polbo naceu coma un proxecto de valorización do Polbo das Rías, e por iso cada ano se ofrece unha programación ampla e variada na que as persoas asistentes poden degustar unha gran variedade de especialidades elaboradas con estes cefalópodos. Cunha vintena de anos de historia, naceu o 1999 e a día de hoxe é un dos eventos máis exitosos da tempada estival no municipio bueués.