A Eurocidade Salvaterra-Monçao acollerá, a vindeira fin de semana do sábado 11 e o domingo 12 de xuño, o primeiro Torneo Solidario sub-14 con denominación Fronteira Zero, que se desputará en ámbalas dúas localidades, no Estadio Manuel Lima (Monçao) e no Campo Municipal de Dextros (Salvaterra).

Un paso máis de colaboración e estreitamento de lazos entre os dous municipios irmáns. A pretensión de este torneo é converterse en referente no cruce da fronteira entre España e Portugal, polo que esta primeira edición persegue contar con clubs importantes dos dous países para calibrar o alto nivel que existe e, sobre todo, fomentar as relacións humanas entre clubes, adestradores, xogadores, pais e nais que están inmersos nesta actividade deportiva día a día.

O torneo tamén ten como obxectivo axudar e dar visibilidade a unha academia de fútbol situada en Guinea Bisáu, o INTER G.B (Academia Internacional da Guiné-Bissau) xa que, entre outros motivos, varios dos xogadores que hoxe son parte da plantilla do Desportivo Monçao formáronse nesta academia e naceron nese país africano, colonia de Portugal durante o século XIX, a denominada Guinea Portuguesa ata a súa independencia no ano 1973.

Este torneo nace como un proxecto integrador máis destes dous pobos que nestes caso aposta polo deporte, concretamente polo fútbol, como eixe principal.

Ademais da participación dun equipo desta academia, entre os clubs españois e portugueses de prestixio estarán o Real Club Celta, o Real Valladolid, o C.D. Lugo, o Río Ave, o Vitória S.C. e o S.C. Braga.

Na organización, Eclogobal Sports, tamén quixo contar coa participación especial dos dous clubs anfitrións para esta primeira edición, como son o Clube Desportivo de Monçao e as E.D.Salvaterra, polo que tamén haberá participación salvaterrense neste evento solidario, que inclúe o intercambio cultural como bandeira.

O Concello de Salvaterra invita a todas as persoas que o desexen a pasar unha fin de semana cultural, deportiva e de balde. Será unha experiencia pioneira multicultural da chamada Eurocidade Salvaterra-Monçao.