As Tanxugueiras levantaron onte o pano da Festa da Rosa. Foi nos exteriores do Pazo de Mos, escenario que, xunto con outros repartidos polas diferentes parroquias, albergará ao longo do mes diversos actos enmarcados na programación desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia.

A celebración continúa esta mesma noite, ás 22.00 horas, co concerto de Pelepau, que traerá a Pereiras a mellor música tradicional galega, e a vindeira fin de semana será a antesala do día grande da festa. O sábado 11 música e gastronomía durante toda a xornada na Festa da Hostalería, nos exteriores do multiusos As Pozas, onde á noite actuará Susana Seivane, e o domingo 12 concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona en Guizán.

O luns 13, festividade local, a Praza do Concello acollerá os actos centrais do Día da Rosa, xornada na que o himno de Mos será o gran protagonista. Logo de coñecerse o resultado do concurso convocado polo Concello para escoller a letra da Alborada Camiño da Rosa, do gaiteiro Xulio Lorenzo, serán Antonio Barros e Ialma, os autores da letra gañadora, os pregoeiros deste ano, que na compaña do propio Lorenzo interpretarán xuntos por primeira vez esta nova composición musical en honra e loanza a todo o pobo mosense.

Nesta mesma xornada celébrase a Festa da Empanada de Pan de Miño co tradicional concurso no que se outorgarán tres premios: á mellor presentación, mellor sabor e maior tamaño. E tamén competirán as rosas, elixíndose a mellor de cada parroquia e, entre estas, a mellor de todo o municipio.

A programación continuará o sábado 18 co XIV Encontro de Palilleiras en Costoias, o concerto de Beny JR o día 22 no Pazo de Mos e un monólogo de Sergio Pazos o 24 en Torroso, onde tamén actuará o Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade o día 26.

No eido deportivo celebrarase o V Trofeo Vila da Rosa (Club Rosaleira) os días 10, 11 e 12; o Memorial Juan Estévez Nené (U.D. Mos) o sábado 11; o I Torneo de Fútbol a Pé (Club Louro Tameiga) o domingo 19 e, baixo o lema “Mos co deporte”, un acto de homenaxe “aos nosos heroes e heroínas” o día 12.