Dúas semanas de moito deporte e de moito balonmán. Tras dous anos de parón debido á situación sanitaria, o Acanor Novás Valinox prepara xa coa colaboración do Concello do Rosal a quinta edición do Campus Multideporte, quince días no que a rapazada de entre 6 e 12 anos poderán desfrutar da actividade física e da contorna.

“Con esta iniciativa non só fomentamos un estilo de vida saudable entre os nosos nenos e nenas, senón que tamén facilitamos a conciliación laboral e familiar da veciñanza durante as vacacións estivais”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández na presentación do campus, na que estivo acompañada por César Armán, director deportivo e segundo adestrador do primeiro equipo, e Iago Flores, xogador do primeiro equipo e adestrador da base.

Dende o 4 ao 15 de xullo todos os participantes farán actividades acuáticas, practicarán hóckey, realizarán sendeirismo, gozarán de xogos populares e recibirán charlas formativas, entre outras moitas actividades. O campus contará con prazas limitadas, con monitores titulados que se encargarán de dirixir todas as actividades e recibirá a visita de deportistas de alto nivel.

As persoas interesadas poderán facer a súa reserva ou solicitar máis información a través dos teléfonos 627753917 ou 664644748.