A cidade de Tui resulta elixida cada vez en maior porcentaxe polos peregrinos para iniciar o seu Camiño de Santiago. Se no Ano Santo 2010 foron 1.487 os peregrinos que, no mes de abril, comezaron o seu itinerario en Tui, neste ano 2022 acadaron a cifra de 2.665, o que significa un crecemento de case o dobre e consolida a Tui como terceiro lugar de inicio da peregrinación xacobea logo de Sarria, con 12.278 peregrinos, e a moi pouca distancia de Porto con 2.774.

Outros peregrinos pasan polo casco histórico tudense. | // D. P.

Dende o Concello de Tui sinalan que esta cifra, facilitada pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela, nunca fora acadada nun mes de abril, superando amplamente os 1.786 peregrinos que partiran de Tui no mes de abril de 2019, o número máis alto rexistrado ata o de agora. Se aos datos de Tui lle unimos os de Valença, con 1.380 peregrinos que escolleron a cidade lusa para iniciar o seu camiño, a segunda posición da Eurocidade Tui-Valença é indiscutible.

Recollendo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela, cabe resaltar como o Camiño Portugués, con 8.598 peregrinos, é o segundo itinerario elixido logo do Camiño Francés, con 18.330, e a moita distancia do Camiño Inglés (1.763 peregrinos) ou o Camiño Portugués da Costa (1.686 peregrinos).

Nacionais e internacionais

A Oficina de Turismo de Tui rexistrou o pasado mes a visita de 767 peregrinos, 413 de orixe española e 354 procedentes doutros países.

Das procedencias nacionais, máis dunha cuarta parte (99) son de Madrid, seguidos da propia provincia de Pontevedra (63), Sevilla (33), Barcelona (27), Málaga (16), Navarra (16), Alacante (15), Murcia (13), Xaén (12) e Las Palmas (11).

De procedencia internacional, lidera a listaxe Portugal con 68, seguido de preto por Alemaña, con 62; Italia 47, Reino Unido 24, Francia 20, Bélxica 16, Corea 11, Brasil 10 e Países Baixos 8.