Chegou a Baiona “As primeiras xornalistas”, mostra que enxalza a loita destas profesionais galegas pola igualdade, achegando ao público, dunha maneira visual e didáctica, a traxectoria de comunicadoras comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia.

“Esta exposición é un recoñecemento merecido ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre homes e mulleres, unha loita para a que se serviron do máis indestrutible instrumento de poder: a palabra, na súa escritura, a súa voz e na súa capacidade de comunicar”, destacou a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, encargada de inaugurar a mostra, xunto co alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira e a directora do centro escolar, Isabel Martínez.

Pola súa banda, a edil de Igualdade apuntou ademais que agora “se pon o foco en mulleres que durante moito tempo estiveron silenciadas e invisibilizadas” e remarcou “o simbolismo de facelo en lugares como os centros escolares, espazos abertos ao público e lugares de encontro entre mozos , onde a loita pola igualdade das homenaxeadas viaxa de fogar en fogar”.

O alcalde destacou que “apostar por estas mostras é necesario para a visualización do traballo destas mulleres que achegaron tanto a nosa sociedade e cuxas historias merecen ser visibilizadas”.