O Concello de Bueu consegue este verán cinco bandeiras azuis, que van para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos, Lapamán e, por vez primeira, para a urbana da Banda do Río. O anuncio fíxoo a pasada semana a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

O estaleiro.

Este distintivo valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue revalidar o distintivo azul para a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 logo da súa rehabilitación municipal.

Este ano, e por primeira vez, a praia da Banda do Río obtén o galardón azul, o que supón un fito histórico, sobre todo porque “este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno”, apuntan Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, e Silvia Carballo, concelleira de Promoción económica e turismo.

Precisamente, o Concello puxo en marcha xa o pasado verán o servizo de socorrismo no areal, e tamén se instalaron uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, na zona próxima ao lugar e na que tamén está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade e a inclusión de todas as persoas.

O alcalde salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo pon a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas, pois que poidamos izar unha Bandeira Azul no principal areal urbano de Bueu supoñía no seu momento unha utopía, e agora é un soño cumprido”. Juncal alude ao ano 2007, cando se comezou coa renovación das infraestruturas na desembocadura do río, de cara a corrixir e eliminar os importantes verteduras de augas residuais desta praia e que facían que non fose aptas para o baño debido aos aberrantes niveis de contaminación. “É importante botar a vista atrás para darnos conta das transformacións conseguidas”, subliña o alcalde que nomea outras actuacións importantes como foi “a renovación de colectores, nos que se ampliou a súa capacidade e se separaron as augas, ou a dotación dunha infraestrutura máis moderna para previr os desbordamentos do río na tempada outono – inverno”. Todas esas medidas incidiron directamente na mellora das analíticas das augas neste areal que pasou duns niveis de contaminación moi elevados a ter unha calidade de auga óptima para o baño, tal e como se referendou nos últimos anos.

Así, pois, esta candidatura supón “a conquista de novos espazos de convivencia e relación social, pero tamén o incremento de recursos turísticos que teñen unha incidencia directa na economía local”, culmina o rexedor.

Juncal salienta o esforzo que realiza o Concello para manter a vinculación entre a recuperación ambiental dos recursos naturais, así como a súa conservación, e a posta en valor do patrimonio cultural, con vocación divulgativa a partir do coñecemento “da nosa historia e das nosas orixes como vila mariñeira”. Isto entronca coa recente rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río, cuxas obras de musealización se culminarán o próximo mes, o que suporá reivindicar a que foi unha das últimas carpintarías de ribeira da ría de Pontevedra, moi vinculada coa tradición e co traballo desta vila mariñeira.

Estes traballos de musealización complementarán a rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación de alto valor patrimonial. Por iso, a parte máis importante é a referida á interpretación dos contidos desta antiga carpintería de ribeira, que agarda estar plenamente rehabilitada antes do inicio da tempada estival.

O Estaleiro da Banda do Río atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños e tamén se construíron infinidade de embarcacións. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.

A rehabilitación supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico previsto e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo.

Ademais, a conservación deste patrimonio marítimo contribuirá á diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima, cara actividades de turismo sostible e creación de emprego no sector turístico e cultural.