Concertos, representacións teatrais, cine na rúa, circo, maxia e grandes eventos que volven como Porrigalia ou a Feira do Pan compoñen a oferta cultural e de lecer porriñesa para os meses de maio, xuño e xullo.

Baixo o lema de “Este verán vívese no Porriño”, o Concello deu a coñecer fai uns días a extensa axenda cultural “un programa de base, ao que se irán sumando máis actividades”, sinalaba o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.

O Porriño desenvolverá unha “potente programación cultural e de ocio este verán con propostas para todos os gustos e públicos. O obxectivo: que a veciñanza do Porriño e da contorna conte cun amplo abano de actividades sen ter que saír do pobo”, explicaba o alcalde, Alejandro Lorenzo,

“Queremos que a xente desfrute e viva O Porriño”, remarca o rexedor. “Estamos comprometidos coa cultura e ese compromiso require unha planificación que permita ter cada semana actividades de calidade que convivan cos eventos máis tradicionais e tamén cos que regresan, como Porrigalia que este ano volve con forza disposta a consolidarse”. Esta versión particular porriñesa dos Xogos Olímpicos na antigüidade organizada por primeira vez no ano 2014, cando o propio Lorenzo estaba no goberno local como concelleiro de Festexos, volverá encher as rúas da vila de festa e diversión a primeira fin de semana do mes de xullo, os días 1, 2 e 3.

E dende o martes estase a celebrar na parroquia de Cans o xa consolidado festival de cinema que pecha hoxe a súa décimo novena edición.

O Porriño Orgulloso

A axenda porriñesa inclúe programacións específicas para conmemorar datas sinaladas no calendario, como foron os Maios e as Letras Galegas neste mes de maio e en xuño, o martes 28, o Día do Orgullo (Día do Porriño Orgulloso) que se celebrará cos espectáculos “Esta es mi vida” e “Lili Marlew show”, da man de David Bugarín e Oliver Soto, respectivamente, na praza Arquitecto Antonio Palacios ás 22.00 horas.

As asociacións culturais e veciñais do municipio están a ter un gran peso nesta programación. Lanzouse a innovadora iniciativa “Coñece a túa parroquia” e tamén unha festa fin de curso escolar, a tarde do xoves 23 de xuño, o día seguinte do remate das clases. Pensado tamén para os máis pequenos da casa programouse un ciclo de cine na rúa coa proxección das películas “Valentina” e “Bela e o circo máxico” o sábado 4 e domingo 5 de xuño, na Praza Arquitecto Antonio Palacios. A fin de semana seguinte, os días 11 e 12, celebrarase a Feira do Pan do Porriño, que chega a súa cuarta edición da man da Asociación de Panadeiros do Porriño, no barrio de San Benito.

A música terá, sen dúbida, un protagonismo moi importante na programación, con propostas de jazz e blues mediante un ciclo do 24 ao 26 de xuño, sen faltar o folk, pop e a clásica.

San Bieito

Chegado o mes de xullo, chegan tamén as primeiras grandes festas do Porriño, as que honran a San Bieito. Haberá verbenas, con música de orquestras como Ritmo Joven e Televisión, música dj e concerto de Antonio Barros ao longo de toda a fin de semana do 9 e 10 de xullo e o luns 11, festividade local.

Deporte

Xa celebradas dúas citas deportivas, O Porriño 10K e a Challenge As Rías Baixas, restan aínda no calendario para as vindeiras semanas outras tres. Serán dúas competicións ciclistas en xuño: Xarotos Gran Fondo o domingo 5 e Trofeo Concello do Porriño, organizado polo Máster da Louriña, o sábado 11. E xa no mes de xullo celebrarase, o día 9, o Tríatlon Concello do Porriño.

Primeira parada da Feira do Libro na bisbarra

Como cada ano Porriño volve estar na axenda das Feiras do Libro de Galicia. A vila do Louro convértese así na primeira da bisbarra, en xullo será a quenda de Vigo e Ponteareas, en acoller este evento itinerante que neste 2022 se celebra en 13 localizacións de toda a Comunidade.

Dende o vindeiro xoves 26 e ata domingo 29, no barrio de San Benito, instalaranse postos de venda de exemplares, que se completa cunha extensa programación de actividades paralelas, como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís e presentacións de libros.

Taburete chega o 14 de xullo da man do Xacobeo

5 Sentidos, Sirenas, Mariposas e Una foto en blanco y negro serán algúns dos temas que soarán no Porriño este verán. A banda Taburete desembarcará na vila o vindeiro 14 de xullo no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22.

Un concerto que a banda suma ao seu mapa nacional de directos deste ano e que O Porriño engade a unha programación estival que non dará tempo a aburrirse e na que o Camiño de Santiago ocupará unha especial relevancia.

“Este verán vivirase no Porriño”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Tempos moito que aportar e un pobo de luxo para desfrutalo”.