Soutomaior estrea espazo lúdico. Trátase do seu primeiro xardín da diversidade bautizado como paseo da diversidade. Unha nova zona de lecer deseñada para dar visibilidade e normalizar as diferentes sensibilidades e formas de sentir. O paseo que foi inaugurado oficialmente na tarde de onte sitúase nunha marxe da Avenida Castelao. A apertura deste novo espazo programouse coincidindo coa celebración do Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia, pero por mor da climatoloxía adversa tivo que adiarse.

O contacontos “Soñando inventei”, un espectáculo musical no que a través da escolla de cancións se traballa o tema da diversidade e a igualdade de xénero; o concerto do grupo 2 Tipos, composto por Edgar Cuerdo (guitarra e voz) e Xoel González (percusión e coros); animación e un obradoiro de estampación de camisetas foron as actividades organizadas polo Concello de Soutomaior con motivo da inauguración deste espazo.

O alcalde Agustín Reguera e a concelleira de Servizos Sociais, Cristina González, indicaron que iniciativas como esta “fan do noso municipio un lugar máis amable, acolledor e respectuoso con todas as sensibilidades”.

O xardín está localizado xunto ao parque canino de Arcade e conta con diferentes elementos e un mobiliario público específico coa madeira tradicional como elemento base. Así, instaláronse tres elementos de xogo, varias banquetas, un sendeiro de pedra natural e paneis artísticos e informativos.