María Silva González, de 23 anos e veciña da Guarda, resultou gañadora do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas 2022 do Concello de Tomiño.

Deseño gañador. | // FDV

Estudante de ilustración, galegofalante dende cativa e apaixonada do mundo do tatuaxe, recorreu a el neste deseño facendo referencia ao tribal. “A idea deste deseño xurdiu dunha situación que tiña gardada na miña memoria cando marchei estudar fóra. O noso profesor de galego non concibía o feito de que máis da metade dos alumnos fosen capaces de pronunciar palabras en inglés cun fonema similar ao x ou mesmo o nome de Shakira e deseguido amosasen complicacións para verbalizar palabras como xantar, xogar ou nomes como Sanxenxo. Sempre tiraba da retranca un pouco para saír do paso e son recordos que teño moi presentes”, explica María en relación ao seu traballo. E é que no deseño que creou para ocasión figura a frase “Se sabes dicir Shakira podes dicir Sanxenxo”

Programación para hoxe

Debido as condicións meteorolóxicas adversas do 17 maio, as actividades programadas para esa xornada adiáronse ao sábado 21. Así, hoxe, de 10.00 a 14.00 horas na Praza do Seixo, haberá obradoiros variados para a poboación en xeral, organizados polo grupo de voluntariado da Omix de Tomiño. As persoas que participen en todos levarán de balde unha camiseta co deseño gañador deste ano 2022

Así mesmo, haberá un desconto achegado polo Concello (40%) e polas librerías do municipio (10%), co que durante esta xornada poderán mercarse libros e CD`s en galego á metade de prezo.

Por último, a Agrupación Musical de Goián ofrecerá un concerto.