Mos está na procura da mellor rosa do municipio. Coñecerémola o día grande da Festa da Rosa, o 13 de xuño, pero ata entón quedan por diante unha morea de actividades para conmemorar esta Festa de Interese Turístico de Galicia que, logo da pandemia, vén renovada e mellorada.

Un total de 14 asociacións culturais e veciñais acollen cursos de secado de rosas, elaboración de xabóns de rosas e estampación de rosas en tea. Todas as persoas participantes levan as súas rosas de cadansúa parroquia para traballar nos diferentes labores e están a encher as redes sociais municipais de fotografías dos exemplares escollidos para facer eses traballos, potenciando así o símbolo do escudo do Concello.

Participantes no obradoiro de elaboración de xabóns de rosas na AVV Santa Baia. / D. P.

O obxectivo é fomentar unha rivalidade sa entre as rosas das dez parroquias, que competirán o propio día 13 de xuño, xa que nesta edición do Concurso de Rosas incluirase a novidade do premio á mellor rosa de cada unha das parroquias mosenses, de entre as que se elixirá logo a mellor de todo Mos, outorgando tamén unha mención especial á parroquia con maior participación.

As 14 asociacións participantes na iniciativa ‘As Nosas Rosas nas Asociacións no Mes de Maio’ son Dornelas, San Martín de Tameiga, Santa Ana de Veigadaña, Nosa Terra de Pereiras, Herville, Celado, Abrente, Torroso, Santa Baia, Ledicia, Chan do Bosque, Guizán, As Pedriñas e A Cividade de Louredo.

Ese mesmo luns 13 de xuño, festivo local, a Praza do Concello acollerá os actos centrais do Día da Rosa, nos que os protagonistas este ano serán a letra do himno de Mos, autoría de Xulio Lorenzo, e o seu escritor ou escritora, gañador/a do concurso convocado para escollela. Deste xeito, a persoa autora da letra do himno mosense fará á vez de pregoeira, poñendo a guinda do acto coa interpretación do himno xa cantado, coa súa nova letra.

Rosas presentadas a concurso nunha edición anterior da festa. | M. G. BREA

Empanada de Pan de Millo

Tamén nesa mesma xornada celébrase a Festa da Empanada de Pan de Miño, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña. Haberá o tradicional Concurso de Empanadas de Pan de Millo, con tres premios, de 150 euros cada un, que se entregarán alí á mellor presentación, mellor sabor e maior tamaño.

Ademais este ano, e como novidade, durante todo o mes de xuño as panaderías de Mos elaborarán empanada de pan de millo para vender a particulares e distribuír aos negocios de hostalería do municipio. E os hostaleiros mosenses, bares e restaurantes, ofrecerán na súa carta empanada de pan de millo, de elaboración propia ou das panaderías de Mos.

Precisamente, trala crise da COVID-19, involúcrase no programa da Festa da Rosa a un dos sectores máis damnificados, o da hostalería que organizará a súa propia feira o sábado 11 de xuño, nos exteriores do multiusos das Pozas.

E tampouco podía faltar na Festa da Rosa o Encontro de Palilleiras, que este ano chega á súa XIV edición organizada pola Asociación de Palilleiras de Mos en Costoias, Tameiga, o sábado 18 de xuño.

Tanxugueiras abre a Festa da Rosa o 3 de xuño

O folk contemporáneo das Tanxugueiras será co que este ano se abra oficialmente o programa da Festa da Rosa. As galegas ofrecerán un concerto gratuíto, financiado polo Xacobeo 2021-2022, o venres 3 de xuño, ás 22.00 horas nos exteriores do Pazo de Mos.

Elas e a letra gañadora para o himno serán as protagonistas musicais desta nova edición da Rosa de Mos. As propostas musicais complétanse cun concerto de Pelepau o 4 de xuño en Pereiras, o Festival Abrente Folk o domingo 5 en Torroso, Uxía Lambona o 12 en Guizán e o concerto para a mocidade de Beni JR o día 22 no Pazo de Mos.