O Concello da Guarda segue apostando por darlle pulo e o valor que merece a un tramo do Camiño que garda un gran potencial, e deseña unha imaxe propia na que aparece representado o mar, o Monte Trega e por suposto a cuncha do Camiño na súa vertente máis antiga. Porque ademais de beleza o Camiño Portugués da Costa ten moita historia.

A maiores da creación desta propia imaxe, A Guarda ten previstas a organización de actividades cos centros educativos e asociacións para que coñezan e sexan quen de poñer en valor esta ruta, redactar un proxecto técnico co obxectivo de embelecer determinados puntos que presentan carencias a nivel estético e que actuará tanto a nivel forestal como de obra e colocar unha escultura na que están traballando desde a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ademais instalaranse novas zonas de descanso en puntos estratéxicos, así como outras dúas figuras en madeira dunha peregrina e un Apóstolo Santiago que serán cedidas pola Comunidade de Montes da Guarda.

Tamén se presentou o documental “Galicia peregrina. A ruta portuguesa de Santiago”, no cal aparece o tramo da Guarda.