Medio ambiente

A Guarda continúa “Sostendo o Futuro”

Organízanse obradoiros, contacontos e unha carreira de “plogging”

Presentación do cartel coas actividades programadas.  | // FDV

Presentación do cartel coas actividades programadas. | // FDV / l. c.

l. c.

A OMIX da Guarda, en colaboración con Medio Ambiente e o Consello Climático Xuvenil, e dentro do ciclo medioambiental “Sostendo o futuro”, programa diversas actividades nos meses de maio e xuño entre as que destacan os Obradoiros Balcóns Verdes, tres talleres diferentes coa intención de aproveitar os balcóns ou terrazas para crear zonas verdes para gozar, para espertar o interese en cultivar á propia saúde e acadar momentos de alegría, todo coa axuda do mundo vexetal e a súa diversidade.

Para información e inscrición todas as persoas interesadas deberán poñerse en contacto con OMIX A Guarda escribindo un correo electrónico ao enderezo informacion@aguarda.es

Centros educativos

Os centros educativos da vila participan tamén ao longo deste mes de maio na actividade “O Bosque musical”, un obradoiro medioambiental que consiste na creación de xoguetes sonoros con elementos naturais que se poden encontrar nun bosque. Trátase de reemprego de materiais e obxectos cotiás, procurando a musicalidade a través de recursos tanto naturais (canas, noces, abelás…) coma de refugallo (chapas, tubos caixas…) para transformalos en verdadeiros instrumentos musicais.

Nela participa alumnado de entre 5 e 12 anos dos centros educativos da Sangriña, Sinde e Solanas.

Xa no mes de xuño, o domingo día 5, terá lugar unha Xornada de Plogging coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente e co apoio do Consello Climático Xuvenil. Terá lugar a partires das 10.30 horas con punto de saída e chegada o Museo do Mar no porto da Guarda, onde se une a actividade física coa recollida de residuos, co obxectivo de promover un estilo de vida saudable e respectuoso co medio ambiente, concienciando sobre o problema da recollida de residuos a toda a comunidade.

Serán dous os percorridos entre os que se poderá escoller, dependendo do estado físico de cada participante: carreira + trote, volta ao monte Trega con aproximadamente 8 quilómetros de percorrido, e andaina polo Camiño portugués da costa.

A proba estará limitada a un máximo de 100 participantes por percorrido (200 persoas en total) e poderán anotarse todas aquelas de 16 anos en diante, para a carreira, e a partir de 8 anos de idade, sempre acompañados por unha persoa responsable, para a andaina. As inscricións poden realizarse en www.deporticket.com/web-evento/7007-plogging-sostendo-o-futuro.

E xa para rematar este ciclo, o día 23 de xuño celebrarase un contacontos na praia do Muiño dirixido os mais pequenos onde se presentan dúas propostas de temática medioambiental: “Os nosos bosques” e “Os nosos mares”

Para concluír daráselle aos nenos, a modo de agasallo, uns ramiños das flores de San Xoán, para fomentar as nosas tradicións e que será feito en colaboración coa Asociación de Alfombras da Guarda