Desde operacións de xardinería, poda ou rego, ata cultivo baixo abrigo e mantemento de maquinaria, pasando por condución de carretillas elevadoras, plantas medicinais e aromáticas, produción integrada en froiteiras e hortalizas; recolección, transporte e almacenamento de froita, prevención de riscos, alfabetización informática e idiomas para atención ao cliente, son algúns dos módulos formativos do programa integrado de emprego Autoemprega no que están a participar un cento de persoas dos municipios de Tomiño e O Rosal.

Persoas de diferentes idades, nivel de estudos e experiencia tenta conseguir unha nova oportunidade no mercado laboral da comarca do Baixo Miño. Apuntados ao plan Autoemprea, os participantes comezaron a súa formación hai un par de semanas, logo dun proceso de selección pormenorizado que levou varias semanas, pois o obxectivo do mesmo era a creación dun itinerario formativo personalizado que respondera ás necesidades, expectativas, formación e experiencia de cada un dos aspirantes.

O sector sobre o que se pretende actuar é o das explotacións e empresas do agro, fundamentalmente, viveiros de planta ornamental e flor cortada, adegas, explotacións frutícolas e de produtos da horta e comunidades de montes veciñais en man común. O obxectivo: acadar un mínimo dun 35% de inserción laboral das persoas beneficiarias

O programa formativo componse de 20 módulos relacionados co sector agrario e industrial, entre os que os participantes puideron escoller (cun mínimo de 3) a cales asistir.