Tres son as propostas da Concellería de Medio Ambiente de Redondela para conmemorar o Día Mundial da Reciclaxe. A primeira das actividades será unha xincana infantil, para cativada a partir de 5 anos, que se celebrará esta mesma tarde con saída, ás 17.00 horas, na Praza do Concello. Aínda que a actividade é de balde, será precisa inscrición previa e todos os participantes, que serán distribuídos en equipos de 6 a 8 compoñentes e cun adulto responsable, recibirán un agasallo

O venres 3 de xuño, chegará outra proposta ideada para toda a familia, unha xornada de Observación do Ceo Nocturno. Trátase dunha actividade de observación astronómica na que, da man dun guía especializado, as persoas participantes recibirán explicacións sobre as estrelas máis importantes, as constelacións visibles e os métodos de orientación que se poden seguir a través do ceo nocturno. A actividade desenvolverase no campo de fútbol de Tuimil, no Viso, entre as 22.30 e as 00.30 horas.

E para a xornada seguinte, sábado 4 de xuño, está programada unha actividade centrada na enseada de San Simón, como é un paseo en kaiak e paddle surf que permitirá coñecer os valores naturais da contorna dende unha óptica diferente. Será en horario de 10.00 a 14.00 horas con saída dende o porto de Cesantes. O prezo desta actividade é de 15 euros

Para reservar praza en calquera das actividades, as persoas interesadas poden facelo chamando ao número de teléfono 986 401 715 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo turismo@redondela.gal.