Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda cumpren cos requisitos do distintivo internacional de bandeira azul. A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público a pasada semana o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada entre as cales se atopan estes dous areais guardeses.

Os servizos esixidos son paneis informativos, análise de augas excelente nas catro anteriores tempadas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comezará co arranque estival.

A praia Area Grande luciu por primeira vez este distintivo no ano 2009, e foi concedida cada verán dende esa data. Pero no verán pasado o Concello da Guarda comunicou formalmente a súa renuncia voluntaria a ADEAC ante a imposibilidade de contar co servizo de socorristas de luns a domingo.

No caso da praia do Muíño tamén renovou a bandeira azul dende o 2010. Ademais da bandeira azul esta praia fluvial tamén contará co distintivo Ecoplayas.