Unha veciña da parroquia de Meder, en Salvaterra de Miño, Josefa Rosaura, ten un gran talento para a floricultura da camelia. É un talento que lle vén de familia. A súa avoa, que traballaba no Pazo da Mercé (As Neves), tiña afición por estas flores tan particulares, e a súa vez con tantas variedades.

A inquedanza de Josefa fraguou cando lle contaron que unha árbore que tiñan na casa non daba flor dende facía anos, e que iso era así. Tal cousa espertou interese para esta veciña de Salvaterra.

Josefa, pouco a pouco foi recollendo información sobre esta flor ata o punto de comezar a cultivala por ela mesma, e leva demostrado que non se lle da nada mal.

“É un mundo isto da floricultura da camelia, comezas por ter poucas pero remata por ser unha obsesión moi fermosa” comentaba Josefa Rosaura coa alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel.

Cómpre dicir que existen unhas 50 especies de camelias, pero cada especie ten unha extensión de variedades tan grande que multiplican moitísimo o número de exemplares.

Con tanto coñecemento e agarimo que ten polas súas flores, non é de estrañar que a Josefa lle chegara o recoñecemento en diversas exposicións de Vigo e Pontevedra, acadando dous premios xusto antes da pandemia: Un primeiro premio sobre a Camelia Híbrida de Vigo 2020, e un segundo premio sobre a Camelia xapónica xaspeada Vigo 2020.

Este ano ven de celebrarse outra exposición de camelias en Pontevedra, onde esta veciña de Meder recibiu un premio ao que soamente se pode optar unha vez no mundo da floricultura da camelia; o premio Especial da Sociedade Española da Camelia da Deputación de Pontevedra.

Este é un recoñecemento a toda a mesa de Camelias exposta por Josefa, sendo un premio que ten a particularidade de que soamente se pode recibir a primeira vez que os participantes se presentan a esta exposición.

O Concello de Salvaterra síntese orgulloso de Josefa e anímaa a seguir avanzando no mundo da camelia.