O Concello de Tomiño conmemora o Día das Letras Galegas con diversas actividades, todas elas co obxectivo de promover o uso normalizado do galego e transmitir a arte e as tradicións da nosa terra. A primeira será o sábado 14, da man de Xarope Tulú e o seu espectáculo “Rilla, rilla teatro”, que se representará no auditorio de Goián ás 21.00 horas.

Por outra banda, en colaboración co comercio local levarase unha campaña de promoción da lectura na nosa lingua, así a única libraría do municipio vai ofertar un desconto do 10% nos libros en galego e o Concello outro do 40%. Neste senso, tamén se ofertarán CDs de música actual en galego a metade de prezo. Será unicamente o 17 de maio, en horario de mañá no posto da librería antes mencionada, que estará instalado na Praza do Seixo, onde tamén haberá outros postos con obradoiros e coa camiseta das Letras Galegas 2022.

Concurso

Precisamente mañá, 8 de maio, é o último día para enviar, ao enderezo de correo electrónico omix@tomino.gal, os deseños para a camiseta das Letras Galegas 2022. Trátase dun concurso convocado pola Omix coa intención de “plasmar nunha frase ou nun debuxo algo que defenda ou poña en valor a nosa lingua.