O Concello de Tomiño conmemorou o Día do Neno e Nena. Ao espectáculo “Estrafalaria” da compañía Xarope Tulú sumouse unha lona alusiva na fachada da casa consistorial e a publicación dun vídeo nas redes sociais e páxina web do Concello no que participaron nenos e nenas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Trátase dunha iniciativa da Fundación Crecer Xogando para celebrar a actitude responsable e resiliente da cativada durante o confinamento, enfrontándose de xeito exemplar á incerteza e transformación das súas rutinas (escola, amizades, actividades deportivas, culturais e de lecer…). Foi o 26 de abril de 2020, o primeiro día no que os nenos e nena puideron volver saír á rúa no noso país logo de 42 días de confinamento pola COVID.

“O seu comportamento exemplar foi determinante para a contención da pandemia e este día “é para concederlle todo o protagonismo á infancia, unha xornada para fomentar o xogo e a lectura, a arte e o deporte. Un día no que decidan as e os peques o que queren facer. Un día no que poñamos o foco na súa felicidade, todo asociado a valores como a tolerancia, a igualdade e a integración”, lembraron dende o Concello de Tomiño, que é unha das máis de 1.500 entidades, que se sumaron a esta celebración.