Comeza hoxe a fin de semana grande, e longa, de San Telmo en Tui. A localidade fronteiriza está inmersa nestas festas, declaradas de Interese Turístico de Galicia, que honran ao seu patrón e que, logo de seis xornadas cheas de actividades pensadas para todos os públicos, continúan este sábado cunha axenda cultural moi completa.

Verbena con Los Satélites

As xornadas que restan comezarán con citas deportivas. Hoxe sábado coa Carreira Popular de San Telmo, organizada polo Club Atletismo Tui; mañá domingo coa Andaina Popular de San Telmo, organizada polo club Andatui e o luns festividade local, coa Feira Cabalar en San Bartolomeu , que conta coa implicación da Asociación de Veciños de San Roque e San Bartolomeu, o Club Equigalia, Hípica Marcos e a Peña Cabalar Valle do Louro.

Actuación da Banda de Música Popular de Tui

A música volverá a ser unha das grandes protagonistas. Non faltarán os pasarrúas a cargo das charangas A tu ritmo e Cantos somos, nin tampouco as actuacións de bandas de gaitas como Arume de Malvas e San Xoán de Paramos e tamén chegadas dende o outro lado do Miño, a Banda Musical de Monçao e a Banda de Música de Lanhelas (Caminha), sen faltar tampouco anfitrioa, a Banda de Música Popular de Tui, que participará na solemne procesión de San Telmo polas rúas da vila xunto con outras dúas convidadas, a da Escola Naval Militar de Marín (que actuará previamente, pola tarde, na carpa da Corredoira) e a Banda de Guerra e Guión da BRILAT que fará entrada dende a praza da Inmaculada ata a praza de San Telmo onde terá lugar unha homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos. Unha vez rematada a procesión e posterior ofrenda ao patrón dos navegantes, sobre ás 22.45 horas, as bandas desfilarán a modo de despedida dende a praza do Concello ata a praza da Inmaculada. Chegados a este punto só restarán dous acontecementos para rematar as Festas de San Telmo 2022, a tirada de fotos piromusicais dende a alameda de San Domingos e a segunda parte da actuación da orquestra París de Noia, cuxa verbena comezará xa pola tarde, no espazo feiral, realizando un pase de 19.00 a 21.00 horas.

Ata entón quedan por diante tres xornadas nas que as orquestras Capitol e Los Players; Laura LaMontagne & PicoAmperio + Dj Enter + G Face + Dj Adrian L e os grupos Odaiko e Lucky Duckies completan o apartado musical.

E pensando nos máis pequenos da casa programáronse pasarrúas Súper Pandi hoxe e Circo Krasnovarak mañá, sen esquecer tampouco os xigantes e cabezudos que estarán presentes de novo o luns de San Telmo.

De xeito paralelo, pode visitarse a mostra de Artistas Tudenses na sala de exposición municipal do edificio Francisco Sánchez e tamén degustar o meixón en cinco establecementos hostaleiros da vila ao prezo de 69 euros a ración, con pan e copa de Albariño.