Achegar a literatura á veciñanza de Soutomaior, independentemente da súa idade e formación, é o fin co que o Concello de Soutomaior celebra a súa primeira Feira do Libro. Dende onte a tarde e ao longo do día de hoxe, a Alameda Talo Río acolle oito postos expositores e de venda das principais editoriais ademais dunha morea de actividades que van dende contacontos, a espazos de xogo e artísticos, presentación e sinaturas de libros, obradoiros, exposicións, conversas con autores e espectáculos para toda a familia.

A feira abre hoxe en horario de 10.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Ao longo de toda a xornada estará habilitado o espazo lúdico MARES “Xogando Miudiño”, con xogos sonoros para a exploración musical, medios de locomoción, populares… para todas as idades e con mantas de abanear, carriños, cabaliños… para bebés; e logo pola tarde o espazo artístico AQUELANDO coa mostra “Narrativas artísticas, diorama e croma “A túa historia na feira”, obradoiro “Aquelando outras vidas para os libros” e presentación do fanzine “Cando a abella vai á flor”.

Tampouco faltarán os obradoiros “Crea o teu xornal”, “Explora e experimenta” e “Aprende a facer un cómic” para os cales era preciso a inscrición previa.

Pola mañá, ás 11.00 horas, estará Judit Santos presentando o libro “Os nosos maiores”, ás 12.30 horas Xosé Ramón Pena “En tempo de desconto” e ás 13.30 horas Irene Alonso “As cicatrices do caranguexo”, quen previamente amenizará o contaconto baseado no libro infantil “A caca Cuca”. Tamén haberá tempo para conversas, será ás seis da tarde cando Abraham Carreiro e Octavio Beares falen do cómic no contexto das narrativas visuais.

Paco Pakolas presentará o seu espectáculo “Ramona Órbitra”, ás17.00 horas, e como clausura Caxoto, ás 20.00 horas, “Contos a pé de rúa”.

ROTI, a mascota

A mascota da feira, ROTI, entregará un pasaporte literario a todos os asistentes, que deberán ir coleccionando os selos dos diferentes postos. Cantos máis selos acumulen, máis posibilidades haberá de gañar un agasallo nos sorteos que se realizarán ao final do evento. Tamén se pode participar a través das redes sociais, publicando unha fotografía no perfil e escribir o hastag hashtag # FeiraDoLibroSoutomaior na descrición.