Hai que remontarse ás civilizacións prerromanas para buscar a orixe dos maios. Os galegos celebraban a chegada da primavera e o remate do cru inverno e propiciaban deste xeito a obtención de boas colleitas. Nos tempos actuais, as festas dos maios son a última manifestación folclórica que festexa en Galicia o final do inverno. Constrúense figuras con elementos naturais, como musgo, flores silvestres, laranxas e ovos e arredor delas cántanse, con acompañamento de paus, coplas e cancións irónicas e críticas con feitos ou personaxes de actualidade.

Os maios é unha das festas máis emblemáticas de Redondela, que este ano a vila dos viadutos volverá a vivir con toda a intensidade enchendo de cor a Alameda Castelao o primeiro día do vindeiro mes.

Xustamente ata onte estivo aberto o prazo de inscrición para participar nesta festividade tradicional que, ao igual que outras moitas, tivo que ser aprazada por mor da pandemia da Covid-19.

A alcaldesa Digna Rivas amosou a súa satisfacción “pola volta, pouco a pouco e con moitas precaucións, a unha certa normalidade que permite que a veciñanza de Redondela volva a gozar das súas festas tradicionais como sempre o fixo, na rúa e compartíndoa cos amigos, familia e veciños e veciñas. Comezamos a recuperar o que sempre fomos, un referente en tradicións, patrimonio e cultura popular”, asegurou.

3.000 euros en premios

O Concello, que destina unha axuda de 100 euros a cada maio que se presente ao concurso, outorgará tamén un total de 12 premios repartidos a razón de 3 en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional e Premio ao maio artístico. Todos eles terán as mesmas contías económicas cun primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro premio de 200 euros.

Dende o Concello lembran que se considera maio tradicional aquel construído con forma cónica ou de cruceiro e que, na súa elaboración, empregan materiais vexetais (especialmente fiúncho, pampullo, peonias, laranxas e flores diversas) e técnicas construtivas mecánicas non sintéticas. Na categoría de maio artístico entran aqueles construídos con forma non cónica empregando na súa construción materiais vexetais e técnicas construtivas non exclusivamente mecánicas. O único material non vexetal permitido para a decoración dos maios nas dúas categorías é a casca de ovo.

No que ás coplas atinxe, estarán escritas en lingua galega e será imprescindible que cada maio conte, como mínimo, con catorce coplas das que seis serán interpretadas diante do xurado.

O sorteo para a localización dos maios, a orde de actuación diante do xurado e a explicación do desenvolvemento do concurso celebrarase o vindeiro martes, 26 de abril, ás 20.30 horas no Multiusos da Xunqueira.

Os maios colocaranse nos lugares asignados en dito sorteo ás 11.00 horas do día 1 de maio.