A Guarda leva celebrando o Día do Libro todo o mes de abril. Precisamente hoxe, xornada conmemorativa chegan ao seu fin as actividade programadas con descontos especiais nas librarías da vila, obsequiando cunha flor(ata fin de existencias) ás persoas que realicen compras neste día. Con todo, ao longo de todo o mes, seguirase podendo deixar “a túa pegada” con mensaxes nun mural habilitado na biblioteca.
Para sorpresa de grandes e pequenos, hoxe a vila mariñeira recibirá a uns personaxes moi especiais. De 10.30 a 13.00 horas están na Guarda cun emblema clásico dos cómics de España, Mortadelo e Filemón, que visitan a localidade para conmemorar este día facendo un percorrido pola biblioteca municipal, as librarías e as principais rúas da vila.
A programación incluíu o contacontos “Dedas” impartido polas súas autoras Soledad García nos textos, Laine Villero a cargo das ilustracións e Natalia Guisande como deseñadora. As tres artistas conforman o proxecto Solaina, unha fusión de arte: palabras, pintura e deseño.
Ademais, este ano decidiuse realizar a II Ruta do Libro, unha actividade na que participaron as librarías da vila e na que se entregou un agasallo na biblioteca municipal a todas as persoas que consumiran 30 euros nestes establecementos
O Principiño
O mes do libro 2022 arrancou na Guarda coa inauguración da exposición de exemplares de “O Principiño”. Unha mostra que recolle máis de 250 libros de diversas edicións sobre unha das novelas curtas mais importantes e a obra mais famosa do escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry.
Os exemplares expostos do Principiño son propiedade de Chelo Vicente Rodríguez, unha veciña da Guarda que comezou fai xa uns dez anos a coleccionar libros desta obra, a máis traducida do mundo, contando na actualidade con tradución a máis de cincocentos idiomas e 12 dialectos da xeografía española. Fíxoo a raíz das viaxes que foi realizando polo mundo, mercando exemplares en diferentes idiomas grazas tamén a formar parte dun grupo de coleccionistas, mercando libros ilustrativos, que puideron contemplar os visitantes que se achegaron á Casa dos Alonso
Durante o tempo que estivo aberta ao público, foron máis de 150 escolares dos diferentes centros educativos da vila que participaron nas visitas guiadas a esta exposición, entre eles o CEIP Plurilingüe As Solanas Nicolás Gutiérrez Campo, o CPR Padres Somascos – Fundación Educere, o CEIP Manuel Rodríguez Sinde, O CEIP A Sangriña, a Escola Unitaria da Gándara e o Colexio Plurilingüe San José Carmelitas. Nelas o alumnado tivo a oportunidade de participar nun contaconto da obra do Principiño adaptada a escolares de Educación Infantil.
Por último, tamén enmarcado na programación do Día do Libro celebrouse o contacontos “O Principiño en figuras de Luz”.