Arbo celebra esta fin de semana a 62 edición da súa Festa da Lamprea. Logo de dous anos sen poder vivila pola pandemia da COVID-19, a capital da lamprea inaugurou onte a súa multitudinaria festa gastronómica, admirada e tan valorada por todos os amantes da raíña do Miño.

A festa continúa hoxe e mañá. A carpa de Arbomostra trasladouse nesta edición á céntrica Praza do Mercado, con stands de degustación de lamprea e de viños D.O. Rías Baixas. Estará aberta hoxe e mañá desde as 11.00 horas ata a medianoite.

A lamprea do Miño pode degustarse en todas as súas variedades. Por suposto, a de tempada, a “arbense”, cociñada no seu propio sangue e acompañada de arroz e picatostes, pero tamén frita, rebozada, asada á brasa, en empanada ou rechea, segundo aseguran desde o Concello de Arbo. En Arbomostra tamén haberá expositores de nove adegas da D.O. Rías Baixas, para acompañar, á perfección coa lamprea. Serán oito de Arbo e unha da veciña vila das Neves.

En Arbomostra haberá mesas e cadeiras para que os asistentes poidan sentar comodamente a degustar o prato, coa nova normativa estatal, xa sen a obrigatoriedade de levar a máscara posta.

A 62ª edición da Festa da Lamprea recupera a degustación popular en Arbo, dou anos despois Marta G. Brea

Aínda que a tempada de pesca de lamprea comezou con escaseza de capturas, nas últimas semanas foron mellorando. O Concello de Arbo garante que toda a lamprea que se sirva na festa será do río Miño. “Non podía ser doutro xeito” asegura o alcalde de Arbo, Horacio Gil, quen lembra que “A Festa da Lamprea é unha festa de interese turístico nacional e é a nosa obriga manter a calidade da festa e da nosa lamprea, pola que fai tan valorada a nosa hostalería” apunta.

As racións de lamprea teñen prezos populares nesta edición para facela accesible aos asistentes que tanto valoran degustala con todo a lamprea do Miño é un produto de alta calidade, escasa esta tempada, polo que consecuentemente o prezo das racións elevouse este ano.

O pregoeiro deste ano é o actor galego Sergio Pazos, quen subirá ao balcón da casa consistorial hoxe ás 13.00 horas para aportar o seu punto de vista sobre a festa deste peixe miñoto e, seguro, sacar algunhas risas aos asistentes.

Grandes orquestras

A Festa da Lamprea, declarada de Interese Turístico Nacional desde 2016, contará nesta tan agardada edición con grandes verbenas. Esta noite subirá ao escenario na Praza Consistorio a orquestra Olympus e na rúa Luis Cubelas a orquestra La Fórmula. “Respectamos practicamente toda a programación que tiñamos ideada para a última edición da Festa da Lamprea, que non se puido chegar celebrar pola pandemia, unicamente con algunhas modificacións polas datas”.

Ademais de na Arbomostra, poderase degustar lamprea nos restaurantes e casas rurais de Arbo, tamén hoxe e mañá, como calquera fin de semana ata que finalice a tempada no mes de maio, cando a preparación “á arbense” deixará paso as variedades de lamprea “seca”.

A visita a Arbo pódese enriquecer ademais hoxe e mañá con visitas guiadas ao museo Arabo. Máis información no teléfono 670 38 52 72.

Programación

Sábado

11.00 horas Apertura de Arbomostra 2022 e ruada da Banda de Música do Municipio de Arbo.

12.00 horas Concerto da Banda de Música do Municipio de Arbo, na Praza Consistorio.

12.30 horas Recepción de autoridades no Concello.

13.00 horas Pregón a cargo do actor galego Sergio Pazos.

13.30 horas Concerto de himnos da Banda de Música do Municipio de Arbo na Praza Consistorio e do grupo “Tonichi y Pacheco” na carpa de Arbomostra.

17.00 horas Ruada da charanga “Cantos Somos”.

19.00 horas Actuación do grupo folclórico A.C. A Barca de Loimil na Praza Consistorio.

20.00 horas Actuación do grupo “Tamara Pérez y Javier Varela” en Arbomostra.

Pola noite Verbena coas orquestras Olympus (Praza Consistorio) e La Fórmula (Rúa Luis Cubelas con carpa).

Domingo

11.00 horas Apertura de Arbomostra e ruada da Unión Musical de Valadares.

11.30 horas Ruada coa charanga “Encerellados”

12.00 horas Concerto da Unión Musical de Valladares na Praza Consistorio.

13.00 horas  Actuación do Grupo Folclórico A.C. A Vella Barca na Praza Consistorio.

13.30 horas Actuación do Grupo “2Tipos” na carpa de Arbomostra.

17.00 horas Ruada a cargo da charanga “Encerellados”.

20.00 horas Actuación do grupo “O Son das Tabernas” na carpa Arbomostra.

Pola noite Verbena coas orquestras Satélites (Praza Consistorio) e Finisterre (rúa Luis Cubelas con carpa)