Hoxe conmemórase o Día Internacional do Libro e o vindeiro 17 de maio será o Días das Letras Galegas e neste espazo de tempo o club de lectura da biblioteca municipal do Porriño organiza, baixo o título “Do libro ás letras”, actividades para celebrar dun xeito especial ámbalas dúas datas.

Ámbolos dous e a concelleira de Educación, Carolina Fernández, coa escritora Beatriz Cabaleiro.

Calquera persoa interesada está convidada a unirse ao club de lectura os días 2 e 16 de maio na biblioteca, en horario de seis a sete e media da tarde, nuns encontros especiais que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras. Neles, as persoas asistentes poderán participar e compartir o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e achegaranse tamén á figura e obra do autor homenaxeado este ano o 17 de maio, Florencio Delgado Gurriarán.

Lectura a distancia

O club de lectura do Porriño volveu á súa actividade presencial o pasado mes de outubro, logo de que se vira obrigado a adaptarse ás circunstancias sanitarias e apostar por dinámicas de lectura e comentario a distancia para conseguir manter viva a súa actividade. En 2022, logo de dous anos en que tivera que celebrar estas dúas festividades na distancia, o club de lectura, que conta cunha vintena de participantes, quere resarcirse con este programa especial presencial, organizado pola biblioteca municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas participantes.

O ano pasado conmemoraron o Día do Libro compartindo unha fotografía mosaico onde saían todas a ler un libro, cada unha nun lugar diferente, pero conectadas pola lectura. Este ano, por fin, poden celebralo tamén cunha imaxe de todas xuntas na biblioteca, acompañadas polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.

E, se en 2020 e 2021 celebraran o Día das Letras Galegas cun podcast a partir da lectura conxunta e o comentario de poemas das dúas persoas homenaxeadas, Ricardo Carvalho Calero e Xela Arias, respectivamente, en 2022 poden por fin facer as lecturas e comentarios en formato presencial.

Ademais, as ferramentas postas en marcha durante eses dous anos a distancia seguen a empregarse agora para complementar a actividade presencial do club.

Toda a información destas actividades especiais pode consultarse no blog clublecturaporrino.wordpress.com, un espazo virtual no que están accesibles as guías de lectura e comentario dos libros, así como podcasts, recomendacións de lectura e outros recursos de interese compartidos pola coordinadora e as participantes do club.