O Concello de Mos da un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos iniciando unha nova campaña municipal de promoción da compostaxe mediante reparto de composteiros de xeito gratuíto entre a veciñanza. Ademais dos composteiros clásicos, entregaranse por primeira vez no municipio, cubos de compostaxe para ter dentro das casas.

As persoas interesadas en facerse cun deles xa poden solicitalo por escrito a través do Rexistro Xeral do Concello ou de xeito telemático na Sede Electrónica.

O reparto faise a domicilio dos beneficiarios, unha vez alí, instálanselles e se lles explica como empregalos correctamente, e entregáselles ademais un manual de uso para consultar posibles dúbidas.

Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando. A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas.