A Asociación Cultural Quinta do Piñeiro, organizadora da XIV Festa da Sementeira e Música, desvelaron o programa da próxima edición desta singular festa, que se celebrará o sábado 14 e domingo 15 de maio, e que estará cheo de actividades e concertos.

Todas aquelas persoas que se acheguen ata a área recreativa Muiño da Ponte o sábado 14 poderán vivir unha concentración de tractores clásicos, observar os diferentes postos de artesanía e degustar gastronomía tradicional. Ademais, os nenos e nenas poderán participar en obradoiros infantís.

A maiores están previstos concertos de Os Ghuacamaios, Os Bardos, Ronco&fol, De Vacas, Tonhito de Poi, o Caimán do Río Tea ou os DJs de la Duendeneta.

O domingo, 15 de maio, os asistentes volverán revivir os costumes do pasado cunha labrada con bois, celebraranse as olimpiadas agrícolas e seguirán gozando de concertos como os de Naiama, As lucernas, as Pandereteiras Tremelique, Pelepau, Festicultores Troupe ou Sons das Tabernas.

Moi agardado será tamén este ano o pregón, a cargo do actor e humorista galego Carlos Blanco.

Os tractores clásicos sairán de Silleda o domingo anterior e percorrerán varios concellos da provincia de Pontevedra ata chegar a parroquia de Corzáns, en Salvaterra, o venres, 13 de maio.