Ao natural ou en escabeche, serán nas dúas preparacións nas que se poderán degustar as ostras en Arcade a vindeira fin de semana, regadas con viño da zona e moita música.

Logo de dous anos de parón por mor da pandemia da COVID, o Concello de Soutomaior volve retomar a súa cita gastronómica por excelencia, a primeira do calendario en toda a bisbarra, declarada de Interese Turístico de Galicia.

A trixésimo cuarta edición deste evento culinario celébrase do venres 1 ao domingo 3 de abril, no aparcamento do Peirao de Arcade e espérase acadar as cifras multitudinarias doutras ocasións, uns 30.000 asistentes que consumen arredor de 100.000 exemplares deste molusco tan prezado. Neste senso, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicaba onte, durante o acto de presentación da festa, que “dende o punto de vista turístico e gastronómico, esta festa dálle a Arcade una proxección internacional incalculable. É un gran impulso para a economía local xa que supón un gran pico de actividade para a quincena de establecementos hostaleiros que participan na celebración, ofertando diferentes preparacións da ostra e ampliando o abanico de posibilidades gastronómicas para todos os visitantes”. E é que, ademais de nas casetas habilitadas no Peirao, as ostras estarán presentes nas cartas e menús dos diferentes restaurantes da vila.

Paco Corral, pregoeiro

O pregoeiro deste ano será, precisamente, un cociñeiro local, Paco Corral. O rexedor local indicou que a Festa da Ostra “é unha celebración moi ligada á hostalería, un dos sectores máis prexudicados durante a pandemia, a quen queremos dedicar a edición deste ano. Son unha parte fundamental do noso sector produtivo, pero tamén son as nosas familias, os nosos veciños e amigos de toda a vida”.

Acompañado do pregoeiro e dos hostaleiros da vila, o alcalde presentou a programación da festa coa cal “pretendemos ofrecer actuacións e espectáculos para todos os gustos e públicos, así contaremos con grupos tradicionais, demandamos polos veciños polo seu éxito en celebracións anteriores, como o grupo América, ademais da clásica animación musical no casco urbano a cargo das dúas bandas de música locais”.

Os actos darán comezo o venres, día 1 de abril, partir das 23.00 horas, coa actuación do grupo América. A xornada do sábado iniciarase coa apertura das casetas ás 11.00 horas para atender aso primeiros comensais que degustarán as ostras con animación musical a cargo da charanga A Cabeza non Para; a partir das 22.00 horas celebrarase a tradicional verbena coas orquestras Los Satélites e Marbella e xa a medianoite terá lugar a clásica tirada de fogos artificiais dende a praia do Peirao de Arcade.

O domingo, día grande dos festexos, as casetas de venda de ostras volverán abrir ás 11.00 horas e a amenización musical correrá a cargo das bandas Artística de Arcade e Cultural de Arcade, que exhibirán as súas dotes polas principais rúas da vila, as cales encherán de ledicia e servirá de reclamo para toda a veciñanza. Ás 13.00 horas, terá lugar a lectura do pregón a cargo do coñecido chef Paco Corral e xa á tardiña será de novo a quenda da música coa actuación do Dúo Calú.

Hoxe música: entre Camelias e Ostras

O alumnado da Escola de Música Artística de Arcade ofrece esta noitiña un concerto previo á XXXIV Festa da Ostra. Porque xunto coa gastronomía, a música será a outra grande protagonista do evento, ofrécense hoxe unha serie de audicións baixo o título “Entre Camelias e Ostras”. Será ás 20.00 horas, no multiusos de Arcade, con entrada de balde ata completar aforo.

Carreira infantil celebrada na Festa da Ostra de 2018. / FDV

Mañá deporte: carreira infantil da ostra

O Concello de Soutomaior recupera a celebración da carreira infantil da ostra que será mañá domingo, 27 de marzo, a partir das 11:30 horas no Peirao de Arcade. Unha cita deportiva dirixida aos máis novos e que, segundo indica o alcalde, Agustín Reguera, “pretende recuperar trala pandemia un evento de exaltación do deporte infantil e da vida saudable”.

As inscricións xa están pechadas, debido a que hai que relacionar os participantes para o seguro non se admitirán inscricións o día da carreira.

Mañá instalarase unha carpa cun catering de bebida, froita e alimentos saudables para tódolos participantes, xunto a cal estará unha ambulancia asistencial.

Os participantes divídense en categoría infantil, alevín, benxamín, prebenxamín e biberón, tendo que percorrer unha distancia aproximada dun quilómetro, 600 metros, 400, 300 e 200 metros, respectivamente.

Cada participante recibirá unha medalla pola súa participación, ademais do premio individual que recibirán os tres primeiros de cada categoría.