Un grupo de catro mozas que combinan canto e baile en directo para ofrecer espectáculos completos, interpretando co seu toque único os éxitos das grandes cantantes do momento. Así se definen as Girl’s Gang, que se suben ao escenario para versionar temas de Lola Índigo ou Rosalía, á vez que traballan tamén en sacar adiante os seus propios temas, proxecto para o cal precisamente veñen de poñer en marcha un crowdfunding, unha plataforma en liña a través da cal calquera persoa pode facer aportacións para apoiar a financiación do seu primeiro EP, que estará composto de tres temas e o vídeo clip do que será o seu primeiro single e que en breve darán a coñecer.

Poderío feminino sobre o escenario

O grupo naceu durante o confinamento por mor da pandemia da COVID e foi neste mes de marzo, co gallo da programación especial da Muller, cando debutaron ofrecendo o seu primeiro concerto, que se converteu en dobre ao esgotárense todas as entradas en menos dunha hora. Así, Antía, Tamara, Anabel e Laura encheron o auditorio do centro dotacional de Torroso en dúas ocasións, en oito días. Máis de 600 persoas puideron presenciar o seu show con versións e coreografías propias que arrincaron miles de aplausos e facianas de sorpresas sobre todo ante a posta en escena: baile, moitos cambios de vestiario e moi detallados, escenografía con plataformas e iluminación programada en todo momento coa música. “A resposta do público foi incrible. Todo o angustia ,o estrés e incluso o medo viuse recompensado co cariño, paixón, amor e ilusión que nos transmitiron. Creemos a maior recompensa foi ver como a xente non se puido resistir a levantarse das butacas”, aseguran estas mozas.

Tal foi o éxito do seu debut que aseguran ter recibido xa varias chamadas para actuacións e concertos en diferentes localidades da contorna.

As Girl’s Gang non son descoñecidas nin para o público mosense, xa que actuaron en diversos actos conmemorativos no municipio, nin para a poboación en xeral, pois rexistran diversos vídeos virais. Como grupo saíu á luz en decembro de 2020 coa publicación do seu primeiro vídeo clip nas redes sociais, medio a través do cal, precisamente se coñeceron.

De San Rafael, parroquia de Pereiras, son Antía Caride Otero e Tamara Casal Barbeito, e de Vigo Anabel Abalde Campos e Laura Martínez Puga (Law). Foi en plena pandemia cando Law lle escribiu a Antía para propoñerlle unha colaboración artística da que naceu o que hoxe é Girl’s Gang. Tras meses de chamadas telefónicas e videoconferencias, por fin comezaron a ensaiar xuntas de xeito presencial en xullo de 2020.

O seu peculiar concepto musical, que xunta voz e baile con elaboradas coreografías, fainas orixinais e singulares, pero o que aínda as fai máis únicas é o seu proxecto 100% feminino. Os temas que interpretan son de temática totalmente feminina sobre aspectos relacionados coa muller en todas as súas facetas, familiar, sentimental, profesional, reivindicativa…, e elas catro encárganse de toda a produción que require o grupo no que todas cantan e bailan.

Antía Caride asume no grupo o papel de coreógrafa e responsable de imaxe (estilismos e deseño) xa que domina estas disciplinas a nivel profesional, ao ser profesora de baile e estilista profesional para outros cantantes e proxectos de moda; ademais de ser tamén cantante noutro dúo musical.

Tamara Casal, esteticista profesional que traballa nun centro de estética, así como de cantante nun coro, encárgase do deseño e execución dos maquillaxes do grupo.

Anabel Abalde é, xunto con Antía, a outra coreógrafa do grupo, xa que profesionalmente ten unha escola de danza e traballa tamén como profesora de baile noutros centros.

Law, profesora de canto, modelo e guionista profesional, asume en Girl´s Gang a responsabilidade das harmonías vocais.