En marcha a organización dun evento deportivo promocional da 62 edición da Festa da Lamprea de Arbo. Volve a Marcha BTT da Lamprea e celebrarase o vindeiro domingo, 10 de abril.

Trátase dunha cita deportiva que organiza o Concello de Arbo inluída na súa programación previa a gran cita gastronómica da lamprea os vindeiros 22, 23 e 24 de abril.

Despois de dous anos sen poder organizarse polas restricións da pandemia da COVID-19 os montes de Arbo volverán a acoller aos amantes da BTT. As persoas que queiran participar deben inscribirse online na páxina web da Festa da Lamprea, www.festadalamprea.gal, sendo o último día hábil para a inscrición o vindeiro 6 de abril. O prezo por participar é de 10 euros.

Os participantes contarán con seguro de accidentes, avituallamento, agasallo e ao rematar a proba deportiva poderán degustar lamprea e viño das adegas de Arbo, “para levar un bo sabor de boca” apuntan desde o Concello.

Arbo está intimamente ligado á lamprea e ao viño. De feito, ámbolos dous, forman parte do escudo e da bandeira do municipio. Unha unión que tamén se mantén desde a antigüidade na gastronomía arbense coa transmisión, de pais a fillos, de saborosísimas receitas de lamprea.

No municipio, a raíña do Miño prepárase en empanada, á grella, fritida e rebozada, guisada con fideos, entre outras modalidades, segundo recorda o edil de Cultura de Arbo, Raúl Rodríguez,quen considera que esta cita deportiva con degustación é a mellor opción para “ir quentando motores”.