Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o pasado 8 de marzo, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, e as concelleiras do goberno municipal e a educadora familiar dos servizos sociais municipais, presentaron unha das accións que integran o proxecto municipal de Igualdade para este 2022. Consistiu na difusión e promoción dunha viñeta deseñada polo recoñecido ilustrador Luis Davila que, co seu característico humor galego, pon imaxe gráfica á frase gañadora do concurso de eslóganes “Cóntallo a Violeta” deste 2022: “Se me da a gana de ir sachar patacas en minisaia vou e punto”. A viñeta repartiuse en formato “marcapáxinas” a todos os alumnos e alumnas dos centros de ensino da Cañiza, nos comercios e establecementos da localidade e tamén entre a veciñanza que asistiu á feira celebrada o pasado domingo. O Concello da Cañiza xa adquiriu os dereitos de autor da mesma.