O Festival de Cans selecciona artistas plásticos para a súa dezanove edición. Será para participar no concurso de pintura rápida “Pintar o cine” que terá lugar ao aire libre no entorno da Praza Arquitecto Antonio Palacios, diante do Concello de O Porriño, o xoves 19 de maio, dentro da programación do festival, que se celebra do 18 ao 21 de maio.

Cans pinta o cine

O certame, que chega este ano a súa terceira edición, consiste en plasmar en directo un proxecto presentado previamente nun bosquexo explicativo, e que debe ter relación ou inspiración na escena dun filme. Os artistas elixidos poderán desenvolver o seu proxecto nun máximo de cinco horas ao longo da tarde, e ante o público.

Cans pinta o cine

As persoas que decidan presentarse deben ser maiores de 16 anos e inscribirse de xeito gratuíto, con prazo ata o 24 de abril, enviando un correo electrónico ao enderezo pinturarapida@festivaldecans.com e mostrar un portafolio como mostra do seu estilo e do manexo da técnica que propoñan. A partir das propostas inscritas, unha comisión escollerá un máximo de dez finalistas.

“Pintar o cine” é unha actividade coordinada pola interiorista e responsable de atrezzo do festival, Isis Rodríguez, e conta coa colaboración da empresa Pinturas Galpi.

Premios

Un xurado de tres persoas relacionadas co mundo da arte e da creación elixirá aos gañadores. Haberá dous premios, un primeiro de 400 euros e un segundo de 200, ademais de cadansúa silueta dun can de pedra, obra do artesán da pedra Paco Candán.

As obras serán expostas en Cans os dous últimos días do certame, o venres 20 e o sábado 21 de maio.

Perfil

Dende a organización indican que nas últimas edicións, este certame converteuse nun clásico do festival, “logrando unha alta calidade na participación e un gran ambiente na rúa”. Na última edición, os artistas inspiráronse en filmes como “O que Arde”, de Oliver Laxe, ou “Joker”, de Todd Phillips, e “fixeron desfrutar ao público”.

O perfil dos participantes neste concurso procede de diversos perfís de creadores que van desde debuxantes a ilustradores, pasando por deseñadores gráficos ou grafiteiros.

Cualificado entre os 4 mellores proxectos culturais de Galicia

O Festival de Cans volve estar por quinto ano consecutivo entre os mellores proxectos culturais de Galicia en 2021. Así, pasou do posto 12 en 2020 ao número 4 no informe anual da Fundación Contemporánea, a clasificación máis prestixiosa do Estado no eido cultural. Por vez primeira ademais, esta Fundación con sede en Madrid, valorou aqueles que teñen lugar en contornas rurais, sendo Cans elixido o primeiro e único na nosa comunidade.

Esta valoración do Festival de Cans cobra aínda máis relevancia se temos en conta que é o único evento independente nos primeiros postos, que non é rexido por un organismo da Administración Pública

Esta clasificación confeccionouse coas opinións de case catrocentos expertos culturais de todo o Estado, entre os que están creadores de diversos ámbitos, críticos, programadores, xornalistas culturais, xestores de grandes institucións públicas e privadas e xestores culturais independentes.