Nos últimos días tódolos concellos da bisbarra fixeron público o seu apoio ao pobo de Ucraína e manifestaron a súa repulsa a todo acto de violencia. Dentro das súas posibilidades administracións públicas e veciñanza están a coordinarse para enviar axuda humanitaria, alimentos e material de primeira necesidade, á vez que cooperan no acollemento de persoas desprazadas por mor deste conflito bélico.

Gran parte dos concellos acordaron subscribirse ao programa coordinado pola Federación Galega de Municipios e Provincias, en colaboración coa Secretaría de Estado de Migracións do Ministerio de Inclusión Social, Seguridade Social e Migracións.

En Baiona a ONG local Ayuda al Mundo Necesitado comezou esta semana a recollida de alimentos non perecedoiros, medicamentos precintados e roupa de abrigo; ademais, algúns veciños do municipio ofrecéronse tamén para acoller nas súas casas refuxiados ucraínos.

Na Louriña, Porriño e Mos adheríronse á proposta da Fegamp. Porriño acollerá a unha vintena de persoas e Mos prestará acollemento e axuda humanitaria ás familias procedentes de Ucraína, para o cal habilitou un procedemento a seguir no Rexistro do Concello e diferentes puntos de doazón de alimentos, medicamentos e roupa de abrigo nas diferentes parroquias. Ademais, ambos concellos xunto co de Lalín veñen de unirse para encher un tráiler de 24 toneladas de alimentos, medicamentos e roupa de abrigo.

Tamén o Concello de Salvaterra de Miño amosa o seu apoio ao pobo ucraíno coa doazón de bens e produtos de primeira necesidade e a Asociación Solidariedade San Roque, que xa leva dende o ano 2008 realizando un labor humanitario de recollida de material a través de varias campañas para enviar a Ucraína, está levando a cabo unha campaña de recollida de medicamentos, roupa de cama, toallas, produtos de aseo, alimentos non perecedoiros e calquera outro tipo de produto de primeira necesidade xunto con doazóns económicas para enviar á fronteira de Polonia.

O Concello de Ponteareas ofrécese a acoller a catro familias con menores e a brindarlles todo o apoio que poidan precisar nestes momentos e pon á súa disposición dúas vivendas sociais e dous aloxamentos no Convento de Canedo grazas á colaboración dos Franciscanos.

O Concello de Covelo abre as súas portas para posibles acollementos e manifesta que seguirá as indicacións das autoridades para recibir, na medida das súas posibilidades, á poboación ucraína que precise un lugar para vivir esta dura etapa lonxe dunha situación tan cruenta. Ademais, o Concello anima á veciñanza que estea interesada en ofertar unha vivenda para acollida que llo comuniquen para trasladarllo ás autoridades do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

O Concello de Nigrán ofrece a Residencia de Tempo Libre de Patos como centro de acollida para refuxiados ucraínos e Gondomar organiza un punto de recollida de produtos de hixiene, alimentos non perecedoiros, mantas e roupa de abrigos, cueiros e medicamentos no Centro de Desenvolvemento Local e tamén pon a disposición vivendas para a acollida de posibles refuxiados que poidan chegar ata a comunidade autónoma.

O Concello de Redondela e a Organización Galega para o Desenvolvemento ‘Da Man’ puxeron en marcha un punto de recollida, no multiusos da Xunqueira, de material de emerxencia. Indican que, segundo as ONG que traballan sobre o terreo nos campos de refuxiados, o que máis se precisa nestes momentos son alimentos non perecedoiros como conservas, chocolate, café, té, arroz, aceite, sal, azucre, atún en latas, garavanzos e pasta, amais de lanternas, roupa térmica, calcetíns, mantas e luvas. Doutra banda as ONG atopan escaseza de material médico básico como vendaxes, gasas, betadine, auga osixenada, material ortopédico, analxésicos, antiinflamatorios, antihemorráxicos, antibióticos, corticoides e torniquetes. Tamén en Soutomaior organizaron esta semana unha recollida de alimentos e material diverso.

Por outra banda, a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, integrada polos concellos da Guarda, O Rosal, Tui e Tomiño, destinará 6.000 euros do seu orzamento a axudar á poboación de Ucraína. Os rexedores e rexedoras dos catro municipios expresaron o súa consternación e rexeitamento total á invasión e ataques do exército ruso ao país ucraíno.

Nun momento de extrema vulnerabilidade das persoas, toda a bisbarra desexamos e agardamos que se acade a paz o antes posible.