Cultura

Teatro, cine, danza, charlas, deporte e regueifas no Rosal

O Concello presenta un programa con propostas para todos os públicos

l. c.

O Rosal despide o inverno cunha decena de propostas culturais para o desfrute de toda a veciñanza. A alcaldesa Ánxela Fernández, destaca que con esta programación “queremos continuar enchendo de cultura os nosos barrios, ao tempo que organizamos outras actividades para dotar de diversidade a axenda, como unha conferencia para reflexionar sobre saúde mental ou unha regueifa feminista”.

A axenda arrancou a pasada semana coa presentación do segundo volume do disco-libro “Meniños cantores” do alumnado do CPI Suárez Marquier, Lucía Pérez, Andrea Pousa e os estudantes do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, e continúa hoxe, ás 10.00 horas no Centro Social Polivalente, cun encontro co xestor cultural e técnico de cultura do Concello de Ferrol, Marcos Lorenzo, para reflexionar sobre a importancia de fomentar a participación e a creación no eido local.

Mañá domingo, ás 19.00 horas, o auditorio municipal acollerá o concerto de Ialma para homenaxear a Rosalía de Castro.

O desfile de entroido programado para mañá quedou suspendido por falta de participantes, con todo organízanse actividades en Novás e Fornelos, así como unha exposición con fotografías antigas do Entroido do Rosal.

A axenda de marzo comezará o sábado día 5 ás 11.00 horas co Trail Muíños do Folón e ás 20.00 horas o auditorio municipal enchérase da música da Agrupación Musical do Rosal co seu concerto de Entroido. Ao día seguinte, ás 18.00 horas, o grupo de danza Xamaraina porá o ritmo no mesmo escenario.

Día da Muller

O martes 8 de marzo, polo Día da Muller, o alumnado de infantil e primaria do CRA María Zambrano e do CPI Suárez Marquier desfrutarán da película “Valentina, só tes que ser ti”, e o sábado 12 ás 20.00 horas a Agrupación Musical do Rosal e Fiando Redes organizan o concerto de Natasia Zürcher.

O venres 18 de marzo ás 20.00 horas o Centro Social Polivalente acollerá a charla sobre saúde mental na mocidade da médica psiquiatra e divulgadora científica, Iria Veiga, mentres que o sábado 26 a Asociación Xente Xida e Fiando Redes organizan no Auditorio do Rosal ás 20.00 h unha regueifa en feminino con Alba María e Lupe Blanco.

A axenda rematará o domingo 27 de marzo, ás 19.00 horas no auditorio, coa obra “Ubú Encadeado” da Compañía Non si?.

Tracking Pixel Contents