Salceda

A Feira e Castro Barreiro volven enfrontarse

Será o martes pola tarde e mañá haberá desfile de comparsas polas rúas da vila

A alcaldesa Ánxela Vicente e a concelleira de Mocidade,  Medio Ambiente e Igualdade, Sara Vicente.   | // FDV

A alcaldesa Ánxela Vicente e a concelleira de Mocidade, Medio Ambiente e Igualdade, Sara Vicente. | // FDV / l. c.

l. c.

O Entroido de Salceda recupera este ano varias das actividades máis importantes, e que caracterizan a cita cultural con máis arraigo no Concello, e unha das máis antigas de Galicia. Deste xeito, mañá domingo as carrozas e comparsas volverán desfilar polas rúas da Esfarrapada a partir das 17.00 horas. Antes, pola mañá volverá tamén o Rancho de Entroido da Feira, recuperado no ano 2018, que fará a actuación e o desfile por distintos puntos da vila acompañado polos Cabaleiros. O Rancho de Entroido de Salceda é único pola súa composición de seis danzantes e dúas damas, e pola súa música e os seus bailes. Este ano, ademais, contará tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así o relevo xeracional dunha tradición centenaria. E o martes, 1 de marzo festivo local, os barrios da Feira e Castro Barreiro volverán enfrontarse presentando as súas carrozas e comparsas nas que participan máis dun cento de persoas de tódalas idades. Ás 17.00 horas chegarán á Praza do Concello, onde exhibirán o minucioso traballo realizado nas últimas semanas, para posteriormente, ás 19.00 horas, trasladar a loita ao cruceiro da Fonte da Pedra.

Con todo o programa de entroido comeza hoxe mesmo. De 16.00 a 19.00 horas haberá obradoiros na Praza do Concello e ás 17.00 horas chegará a música da man da Banda Cultural de Salceda que ofrecerá un concerto no patio do CEP Altamira.

Este ano, o Entroido de Salceda vivirá un antes e un despois, xa que o pasado xoves, o pleno da corporación aprobou a solicitude para a Declaración do Entroido de Salceda de Interese Turístico de Galicia. A memoria que se enviará a Turismo de Galicia é froito de máis dun ano de traballo por unha empresa especializada, na que se recollen todas as mostras e singularidades dun Entroido único en Galicia, tal como explicou o concelleiro de Cultura Álex Rodríguez, que confía en obter o visto bo da Axencia Turística, converténdose no décimo Entroido de Galicia en ser declarado Festa de Interese Turístico.

Tracking Pixel Contents